Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
NovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e GastronomíaServizos Mancomunados

Concello de Oroso

Situación xeográfica

A posición demográfica é un elemento fundamental para entender o abano de posibilidades dun municipio; para o caso de Oroso foi decisiva. Emprazado no eixe de comunicacións da comarca compostelá coa Coruña, aos seus habitantes abríronselles as opcións polos efectos expansivos de Santiago e a accesibilidade do seu emprazamento, ademais das súas propias capacidades interiores.

Oroso confórmase como un dos municipios próximos a Santiago de Compostela, en concordancia cunha serie de lugares que deixan atrás o seu pasado rural e se incorporan á diversificación económica ante o novo milenio, ao abrigo da capital compostelá.

A evolución demográfica foi discordante durante o século XX. Unha primeira etapa abarcaría dende 1900, cando o municipio contaba con 3.231 habitantes, ata 1950, cando presenta 4.360, anos nos que se mostra un crecemento estable e continuado de poboación. O efecto contrario prodúcese nunha segunda etapa, caracterizada polo descenso poboacional entre 1960, cando se reduce o número de habitantes ata os 4.234, e 1981, que reflicte 3.612 habitantes. Unha última época representa o aumento de poboación dos últimos anos do século, cando se ascende ata os 4.537 habitantes recollidos no Padrón de 1996.

No comezo do século XXI o crecemento da poboación continúa, pasando de 5.530 habitantes no ano 2001, ata 6.262 en marzo de 2004.

Sen dúbida, o crecemento experimentado no municipio entre 1996 e 2001 é o de maior proporción demográfica na súa historia. A diferenza entre a poboación de dereito de 1996 (4.537 habitantes) e a de 2001 (5.530) reflicte un aumento de 993 habitantes para Oroso.

O saldo migratorio constata esta tendencia. No ano 2000 obsérvase un saldo positivo de 322 habitantes. Xa no quinquenio 1991-1996 se observaba un saldo positivo de 708 habitantes, cunha importante taxa migratoria positiva do 18,7%. Debemos lembrar que este indicador foi lixeiramente negativo durante as décadas dos 70 e 80. A influencia do contorno compostelán perfílase como unha das causas do aumento de entradas poboacionais no municipio.

Pola súa parte, o crecemento vexetativo foi positivo en todo o segmento comparativo, dende 1970. No período 1991-1996 descendeu un pouco o número de nacementos, quedando o índice de movementos vexetativos en 50 habitantes, cunha taxa vexetativa do 1,3% , por debaixo das marxes sobre o 4% de décadas anteriores. No período 1998-2001 o saldo vexetativo foi positivo, pasando dun saldo positivo de 10 habitantes en 1998 ata o 15 no 2001, xa que o número de nacementos aumentou en todo o período.

Unha análise por idades revela un municipio en transición demográfica. En marzo de 2003, os 959 mozos e mozas menores de 15 anos representan o 15,81% do total poboacional, mentres os/as 835 maiores de 65 anos só o 13,77%. Á súa vez, a poboación divídese en 3.010 homes e 3.055 mulleres. Os grupos de idade máis numerosos son os comprendidos entre os 15 e os 65 anos, o 70,42% da poboación total do municipio.

Marco Comarcal

Oroso encádrase na comarca de Ordes, que engloba os seguintes municipios: Cerceda, Tordoia, Trazo, Oroso, Frades, Mesía e Ordes, a capital comarcal.

O municipio localízase entre os puntos urbanos de Ordes e Santiago de Compostela. Do primeiro recolle a influencia comarcal e unha das relacións de proximidade máis destacables do seu contorno, mentres que do segundo a saída natural do municipio cara a un eixo económico relevante.

A relación co contorno realízase sobre a base dos próximos municipios de base rural e importante peso do sector agropecuario, que representa un modo de vida representativo de moitos puntos da Galicia interior.

É importante a súa situación limítrofe con Santiago de Compostela, algo que configurou o carácter e as tendencias económicas e sociais das últimas décadas en Oroso. Parte da emigración e das saídas do municipio teñen que ver con este aspecto. O referente económico da capital de Galicia serviu para dar saída a produtos e iniciativas do propio municipio, á vez que foi un foco de emprego para numerosos habitantes residentes en Oroso.

Ademais, a estrada N-550 que une A Coruña con Santiago, é o referente da comunicación viaria de Oroso, xa que une o municipio coa urbe compostelá, coas posteriores facilidades que ofrece este punto en materia de comunicación.

A posición demográfica é un elemento fundamental para entender o abano de posibilidades dun municipio; para o caso de Oroso foi decisiva. Emprazado no eixe de comunicacións da comarca compostelá coa Coruña, aos seus habitantes abríronselles as opcións polos efectos expansivos de Santiago e a accesibilidade do seu emprazamento, ademais das súas propias capacidades interiores.