Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
NovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e GastronomíaServizos Mancomunados

Concello de Tordoia

O concello de Tordoia é un dos máis extensos da comarca de Ordes cos seus 125,8 km2 e cunha poboación de 5.350 habitantes segundo o Censo de 1991, que se converten en 4.617 na revisión de 2005.

O concello instálase sobre unhas terras suavemente onduladas, que descenden en altitude gradualmente cara ao leste e cara ao sur, dentro do marco da penechaira coruñesa. Está constituído por 10 parroquias, que son San Mamede de Andoio, Santa Mariña de Anxeriz, Santa María de Bardaos, San Xián de Cabaleiros - onde se sitúa a capital, A Pontepedra -, Santa María de Castenda da Torre, Santaia de Gorgullos, San Cristovo de Leobalde, Santiago de Numide, San Xoán de Tordoia e San Cibrán da Vila de Abade, e non sufriu cambios apreciables ao longo da última centuria, como tampouco os límites municipais.

Sobre un substrato de rochas antigas (gabros, granitos e xistos, dispostos de oeste a leste), domina unha topografía de meseta, cunha altitude entre os 400 e os 500 metros sobre o nivel do mar a maior parte do espazo, aínda que basculando cara ao leste de forma suave, de modo que nas parroquias orientais se descende dos 300 metros cara ao curso do Lengüelle. As escasas culminacións que se elevan neste conxunto uniforme están representadas polo Monte Castelo (569 m) na parte máis occidental -que serve de divisoria de augas coa conca do Xallas- e por unha franxa de elevacións que máis ou menos de NO a SE e na parte máis meridional son o Pelados (497 m), o Forca (530 m), o Cián (471 m), o Areosa (462 m) e o Medorra (425 m).