Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
NovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e GastronomíaServizos Mancomunados

Concello de Trazo

Trazo é un municipio da provincia da Coruña que forma parte do bloque de meseta situado na vertente da marxe dereita do curso medio do río Tambre, pola que se estende boa parte da Comarca de Ordes.

Situado no centro-oeste de Galicia, Trazo goza das bondades do clima oceánico húmido que lle outorga unha temperatura media de 12ºC sen grandes oscilacións.

Relevo

O relevo comparte as liñas da dita comarca e caracterízase por unha topografía case uniforme, con formas suavemente onduladas que descenden en altitude dende o extremo noroccidental, onde se acadan os 507 metros en Berdieiras (parroquia de Restande) cara ao curso do río Tambre que discorre polo sur e establece o límite administrativo con Santiago de Compostela.

Ten aspecto de meseta ondulada sen grandes contrastes e lixeiramente inclinada cara ao sur, por onde discorre o Tambre, situado ao sur do concello,que é o río máis importante deste municipio.

 

 

O Concello de Trazo goza dunha fermosa paisaxe só alterada polos vales que forman os ríos e pequenas correntes de auga que lle dan vida ao concello.  As condicións climáticas enmárcanse no dominio oceánico hiperhúmido sen que existan marcados contrastes ante a ausencia de grandes barreiras orográficas.

As precipitacións medias anuais son moi abundantes, pois están arredor dos 1.683 mm. As temperaturas son suaves, cunha media de 12ºC; non hai importantes oscilacións térmicas, xa que os veráns son temperados e os invernos non moi fríos.

A altitude e o distanciamento do mar marcan as principais diferenzas climáticas intracomarcais; así, rexístranse maiores precipitacións nas zonas máis elevadas e montañosas que se sitúan ao norte, en relación á parte baixa do val do río Tambre, situada na metade meridional.

Trazo é un concello eminentemente rural: a súa economía susténtase no sector primario. As actividades económicas son motivo da grande importancia dos labores agropecuarios, moi modernizados, e orientados á gandería cunha destacada representación de explotacións, que sufriron un gran proceso de modernización, para adaptarse ás novas demandas que o gando vacún require, tanto para a súa explotación leiteira como cárnica.

Limita polo norte co Concello de Tordoia,  polo leste cos de Tordoia e Oroso, polo sur co de Santiago de Compostela e polo Oeste co Concello de Val do Dubra.

Ten unha superficie de 100,48 quilómetros cadrados que se dividen nun total de once parroquias:  Benza (San Pedro) , Berreo (San Mamede) , Campo (San Xoán) , Castelo (Santa María) , Chaián (Santa María) , Monzo (San Martiño) , Morlán (Santa María) , Restande (Santa María) , Trazo (Santa María) , Vilouchada (San Vicenzo) e Xavestre (San Cristovo), nas que vive unha poboación de 3.500 habitantes aproximadamente, espallada por un total de 103 aldeas que salpican a paisaxe agraria.

As parroquias de Xavestre e Chaián son as máis poboadas debido á súa proximidade a zonas urbanas, neste caso, Santiago de Compostela. En Chaián atópase o núcleo que abrangue maior poboación do concello, A Polveira, cun 10% da poboación total.

parroquias

A capital municipal corresponde a Viaño Pequeno, lugar da parroquia de San Xoán de Campo, que ten 140 habitantes, onde se atopan os principais servizos como: centro de saúde, farmacia, banco e caixa de aforros, punto de atención á infancia, casa do concello, piscina municipal, pavillón polideportivo, casa da cultura, biblioteca, aula de informática, colexio de primaria e instituto de ESO, tanatorio, oficina de correos, comercios de roupa, panadería, perruquería, supermercado, bares, ferraxarías,  talleres mecánicos etc.

Viaño Pequeno

Tamén noutros núcleos importantes do concello como son O Agro do Mestre, A Chonia e Merelle (Xavestre), A Brea (Benza), A Irexe (Restande), A Cuca (Morlán), Gurís, O Porto e A Polveira (Chaián), O Candendo (Campo) existen comercios e pequenas industrias como: ferraxarías, funeraria, talleres de reparación de vehículos e talleres agrícolas, almacéns agrícolas, concesionarios de automóbiles, supermercados, materiais de construción, moblerías, talleres de aluminio, fábricas de maquinaria, carpinterías, empresas de construción etc. Ademais no Agro do Mestre atópase o outro centro de saúde deste concello así como unha farmacia.

Antención Primaria

A Casa do Concello é unha moderna e orixinalísima construción que rompe coa idea tradicional. De planta circular, foi proxectada deste xeito debido en parte ao seu lugar de emprazamento, unha rotonda que estaba pensada para ser praza. Executada en 1975, segundo proxecto de Rafael Baltar Tojo e José Antonio Bartolomé Argüelle, conta con dúas plantas.

A planta superior, onde están as dependencias municipais, está percorrida por un anel de ventás que soamente se ve interrompido pola apertura do balcón consistorial. A cuberta cónica está rematada por un lucernario que ilumina o oco central do edificio no que se dispoñen as escaleiras. O volume desta cuberta acolle o Arquivo municipal, os espazos de almacenaxe. Estas dependencias posúen diferentes alturas debido á articulación da cuberta en sectores circulares, determinados pola orde radial dos soportes interiores que fragmentan e animan a estrita xeometría.

Casa do Concello

Trazo enmárcase con Tordoia, Cerceda, Oroso, Frades e Mesía na comarca administrativa de Ordes, pero o seu carácter limítrofe con Santiago de Compostela e o peso da atracción socioeconómica da capital convérteo nunha área da comarca funcional de Santiago.

A forte influencia que recibe da cidade de Santiago consolidou a súa base económica. Cada vez con maior intensidade, Santiago convértese para moitos e moitas residentes en Trazo nun lugar de traballo, de movemento urbano diario, nun mercado de referencia para moita da súa produción agropecuaria. A proximidade ao polígono industrial do Tambre fixo que unha parte importante dos/as habitantes de Trazo atopasen un traballo estable sen ter que abandonar as actividades agrarias.