Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
Servizos MancomunadosNovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e Gastronomía
A Romaría das Virtudes reúne a milleiros de persoas de toda a provincia en Vitre (Frades)
07/09/2019 (Frades)

7 de setembro de 2019.- Varios milleiros de persoas de toda a provincia participaron hoxe sábado na tradicional Romaría das Virtudes, que se celebra na parroquia de Vitre (Frades). O tempo acompañou, se ben a afluencia de xente era menor có ano pasado, especialmente no que atinxe á xente moza. A coincidencia este ano con festas de parroquias de municipios próximos e, principalmente, a celebración do Festival da Luz a apenas dez quilómetros restaron moita afluencia de grupos de mozos e mozas.

 

Aínda así, a Asociación San Xoán de Vitre cubriu todas as parcelas habilitadas para o xantar de familias e grupos de amizades. En total, preto de cincocentas, que xa estaban reservadas dende hai varios días. Uns xantares formados por grupos de entre dez e vinte persoas, se ben había algunhas que superaban o medio cento de comensais e mesmo algunha con alumeado e equipo de son.

 

Mantense o costume de pasar baixo a santa

 

As celebracións relixiosas comezaron na capela das Virtudes ás 11 e ás 12 da mañá, tendo lugar a misa solemne ás 13:00 horas. Unha misa que este ano se alongou ata case dúas horas e media, polo que a tradicional procesión da imaxe da Virxe e do San Xoán polo campo da festa, percorrendo o camiño entre a capela e o cruceiro, tamén atrasou a súa saída. Por terceiro ano seguido, máis dun cento de persoas pasaron por debaixo da imaxe da Virxe das Virtudes. Un costume iniciado hai uns anos por apenas unha ducia de persoas pero que cada ano vai aumentando o número de persoas seguidoras.

 

Un ano máis, a música correu da man da charanga Os Celtas, mentres que a Orquestra Foliada se encargou da sesión vermú. Pola tarde, Os Celtas volverán tocar; mentres que a Orquestra Foliada e o Dúo Calú encargaranse da verbena.

 


Anterior Siguiente
Novas de..
Mancomunidade de Ordes
Cerceda
Frades
Mesía
Ordes
Oroso
Tordoia
Trazo