Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
Servizos MancomunadosNovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e Gastronomía
O Concello de Frades e a Deputación da Coruña investirán 72.000 euros na mellora dos polideportivos de Ponte Carreira e Abellá
28/12/2018 (Frades)

Tras a sinatura do convenio, o alcalde instou ao presidente provincial a acelerar a licitación das obras das novas beirarrúas de Ponte Carreira

28 de decembro de 2018.- O Concello de Frades e a Deputación da Coruña investirán 72.532,69 euros en actuacións de mellora nos dous polideportivos municipais, emprazados nas localidades de Ponte Carreira (Gafoi) e Abellá. Así se recolle no convenio subscrito esta mañá polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde fradense, Roberto Rey Martínez. A achega provincial será de 58.026,15 euros (o 80% do investimento total), mentres que os 14.506,54 euros restantes serán financiados polo Concello de Frades con fondos propios.

 

A principal actuación terá lugar no pavillón de Ponte Carreira, onde se instalará un novo pavimento vinílico indoor multideporte de 2 milímetros de espesor, acabado en madeira e reforzado con malla de fibra de vidro, sobre unha capa de espuma de alta densidade. Este novo pavimento, que substitúe o actual de formigón armado, permitirá unha maior comodidade ás persoas que practican deporte no pavillón .

 

A maiores retiraranse as proteccións laterais de madeira, que serán substituídas por novos paneis protectores de PVC con espuma de polietileno de alta densidade de 2 centímetros de espesor. Así mesmo, montaranse protectores de esquina nos piares da entrada. As obras inclúen tamén o pintado interior do pavillón, a instalación dunha varanda de aceiro nas escaleiras de acceso interiores e a substitución do alumeado do recinto por novos focos de tecnoloxía LED, o que mellorará a calidade lumínica e reducirá o consumo eléctrico desta instalación deportiva.

 

O convenio asinado hoxe tamén recolle a renovación do alumeado das pistas de pádel do polideportivo de Abellá, que será substituído por novas luminarias LED, así como o pintado da instalación.

 

Beirarrúas de Ponte Carreira

 

Tras a sinatura do convenio, o alcalde de Frades interesouse polo estado actual do proxecto de arranxo das beirarrúas de Ponte Carreira, presentado polo Concello de Frades a principios de 2014 e que fora aceptado polo anterior Goberno provincial. Roberto Rey explica que “o presidente provincial díxonos que o proxecto, que elaborou e pagou o Concello de Frades, sairá a licitación nos próximos meses, unha vez que xa está superada a fase de exposición pública e de resolución de alegacións”.

 

Neste sentido, o alcalde volveu pedirlle celeridade ao presidente provincial pois “se trata dun tramo de beirarrúas que se atopa moi deteriorado, no que o Concello leva tempo parcheando pero é unha zona de moito tránsito peonil, xa que une o núcleo de Ponte Carreira co colexio, co pavillón municipal e coa igrexa parroquial”. O proxecto elaborado polo Concello de Frades acumula xa un atraso de máis de catro anos, despois de que recibira o visto e prace do anterior presidente provincial, Diego Calvo. Tras o cambio de Goberno, o proxecto retomouse en xuño de 2016, tras unha reunión mantida polo alcalde fradense e o actual presidente da Deputación. Finalmente, o pasado 14 de setembro o proxecto foi aprobado por unanimidade polo Pleno da Deputación.

 

O proxecto de renovación das beirarrúas entre o núcleo de Ponte Carreira e o colexio suporá un investimento de 198.734,29 euros na reconstrución de 1.360 metros de beirarrúas á beira da estrada CP-3082 Ordes-Ponte Carreira. As obras incluirán a mellora da contorna, coa colocación de 19 escavas para acoller árbores, a canalización do alumeado público e a instalación dunha varanda metálica de 346 metros para mellorar a seguridade dos peóns, en especial dos moitos nenos e nenas que empregan a diario estas beirarrúas.


Anterior Siguiente
Novas de..
Mancomunidade de Ordes
Cerceda
Frades
Mesía
Ordes
Oroso
Tordoia
Trazo