Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
Servizos MancomunadosNovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e Gastronomía
O Pleno de Frades permite a conformación dos grupos municipais do PSOE e do BNG a pesar de que o solicitaron fóra de prazo
05/07/2019 (Frades)

O grupo de Goberno tamén acepta a petición da oposición de pasar a bimensuais as sesións plenarias, en vez de trimestrais

5 de xullo de 2019.- A concordia presidiu a sesión de organización do Concello de Frades, que tivo lugar esta tarde. Unha sesión cuxo inicio se demorou debido a un erro cometido por PSOE e BNG, que non entregaron en tempo e forma a súa petición de constitución como grupos municipais.

 

A secretaria municipal confirmou que os grupos non foron constituídos en prazo, pois a petición foi presentada o 4 de xullo cando o artigo 23 do ROF establece 5 días hábiles dende a constitución da corporación, neste caso, o 15 de xuño. Aínda que os socialistas presentaran dúas sentenzas xudiciais de Madrid e Murcia nas que se admitía a constitución dos grupos fóra deses 5 días, a secretaria indicou que había moitas máis sentenzas en contra, polo que deixou en mans do Pleno a decisión de admitir ou non a constitución dos grupos municipais do PSOE e BNG ou a súa constitución como un único grupo mixto.

 

O alcalde, Roberto Rey Martínez, indicou que “como acto de boa vontade, imos aceptar a constitución dos grupos políticos”. Algo que agradeceron tanto o voceiro socialista, Enrique Astray, pois “o erro foi noso, polo que agradecemos o xesto de boa vontade do Pleno”; como o voceiro do BNG, Manuel Míguez, quen dixo que “se hai un ferro ao que agarrarse, agradécese porque hai que dar a máxima pluralidade posible”. A constitución dos grupos foi aprobada, pois, por unanimidade.

 

Cambio nas sesións

 

Unanimidade que se mantivo no cambio de periodicidade das sesións plenarias, nas que o alcalde aceptou a petición dos grupos da oposición de facer plenos os segundos venres de cada mes impar, ás 13:30 horas. A petición de adiantar ou atrasar a hora por parte do BNG non foi aceptada xa que “é a hora que mellor lles vai aos concelleiros, pois moitos muxen pola noite ou a primeira hora da mañá”.

 

O Pleno aprobou, cos 7 votos a favor do PP e as 4 abstencións de PSOE e BNG, reeditar as dúas dedicacións exclusivas da lexislatura anterior: unha de 38.612,06 euros brutos anuais para o alcalde e outra de 24.6178,04 euros brutos anuais para o terceiro tenente de alcalde e concelleiro de Economía e Facenda, Ensino, Sanidade, Medio Rural, Limpeza Viaria, Infraestruturas, Servizos e Obras, Manuel Ferreiro Marzoa.

 

As asignacións aos grupos municipais foron aprobadas por unanimidade: 100 euros /mes por grupo e 100 euros/mes por cada concelleiro, xa que “todos os políticos tedes que ter unha asignación polo labor que realizades. Penso que son xustas e dentro da media dos concellos do noso tamaño”. Tamén se aprobaron as contías por asistencia a órganos colexiados: 125 euros por plenos (25 euros máis ca a lexislatura anterior), 150 euros por Xuntas de Goberno Local e 100 euros por comisións. A medida foi aprobada cos votos a favor de PP e PSOE e coa abstención do BNG. A Xunta de Goberno local, integrada polo alcalde e os tres tenentes de alcalde, reunirase 3 veces ao mes e haberá dúas comisións informativas, que se reunirán cada dous meses e estarán integradas por 4 membros do PP, 2 do PSOE e 1 do BNG, sendo o alcalde Roberto Rey o presidente de ambas.

 

A asignación de Concellerías queda do seguinte xeito:

 

-         Roberto Rey Martínez, alcalde con competencias en Urbanismo, Comunicación, Réxime Interior, Persoal, Dinamización Demográfica e Relacións Veciñais.

-         Ángeles Álvarez Carro, 1ª tenenta de alcalde e concelleira de Benestar Social, Muller, Igualdade, Conciliación e Atención ao menor.

-         Jesús Miguel Prado Cea, 2º tenente de alcalde e concelleiro de Promoción Económica, Promoción Industrial, Medio Ambiente, Emprego e Formación.

-         Manuel Ferreiro Marzoa, 3º tenente de alcalde e concelleiro de Economía e Facenda, Ensino, Sanidade, Medio Rural, Limpeza Viaria, Infraestruturas, Servizos e Obras.

-         Jesús Francos Sánchez, concelleiro de Maiores, Feiras e Mercados, Turismo e Piscina Municipal.

-         Óscar Botana Rúa, concelleiro de Novas Tecnoloxías, Alumeado Público e Aforro Enerxético.

-         Juan Carlos Portos Bra, concelleiro de Cultura, Deportes, Patrimonio e Xuventude.


Anterior Siguiente
Novas de..
Mancomunidade de Ordes
Cerceda
Frades
Mesía
Ordes
Oroso
Tordoia
Trazo