Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
Servizos MancomunadosNovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e Gastronomía
Este venres terá lugar a colocación da primeira pedra do futuro centro sociocomunitario Isabel Zendal
28/11/2018 (Ordes)

O investimento total desta nova infraestrutura, cun marcado carácter social, ascende a 720.000 €, en gran parte sufragados pola Consellería de Política Social. D. Ángel Maldonado Rodríguez, ex-rexedor terceiro de Veracruz e presidente da Asoc. Isabel Zendal Veracruz-México, convidado de honra

Ordes, 28 de novembro de 2018.  Este vindeiro venres, 30 de novembro, ás 17 horas, está prevista a colocación da primeira pedra do que será o edificio sociocomunitario Isabel Zendal. Un acto ao que teñen confirmada a súa asistencia distintas autoridades e representantes de diversos ámbitos. Ademais da alcaldesa en funcións, Ana Soneira, e dos demais integrantes do Goberno local, estará tamén o licenciado Don Ángel Maldonado Rodríguez, acompañado das súas dona e filla, Nadia Piana e Antonella Maldonado Piana respectivamente.

     O ex-rexedor terceiro de Veracruz, municipio irmandado dende outubro de 2017 con Ordes, e actual presidente da Asociación Isabel Zendal en Veracruz-México, atópase estes días de visita en Galicia como convidado de honra polo Concello de Ordes. Cómpre salientar o labor e esforzo levado a cabo por D. Ángel Maldonado Rodríguez para a exaltación da figura de Isabel Zendal, así como no proceso de irmandamento de ambos os municipios, motivo polo que xa en 2016 visitara tanto Ordes como a parroquia de Parada, lugar de nacemento da primeira enfermeira en expedición internacional segundo a OMS.

Representantes

Outros nomes propios destacados que teñen confirmada a súa asistencia son: Ovidio Rodeiro, Delegado Territorial da Xunta de Galicia; Perfecto Rodríguez Muíños, xerente do Consorcio de Benestar Galego do Servizo de Igualdade e Benestar; Pilar Farjas e Berta García, presidenta e vicepresidenta da Asociación Isabel Zendal (A Coruña); Juan Ruesta Botella, coronel do Terzo Norte de Infantería da Mariña e Ferrol; Francisco Javier Jambrina Rodríguez, coronel da Garda Civil da Coruña; Jesús del Río Caamaño, capitán de Tráfico; Severino Álvarez, secretario xeral de AGADER; Antonio López Mariño, investigador e figura clave na difusión da Expedición Filantrópica da Vacina contra a Varíola do Doutor Balmis; Xesús Pedreira, ex-concelleiro do Concello de Ordes e promotor do recoñecemento de Isabel Zendal como filla predilecta de Ordes e presidente de honor da Asociación Isabel Zendal Veracruz-México. Tamén estarán presentes neste momento familiares de Isabel Zendal, veciños e veciñas do municipio, así como representantes de distintos colectivos, empresas e asociacións ordenses.

     O centro sociocomunitario Isabel Zendal situarase na rúa Campomaior e a súa apertura está prevista para o verán de 2019. O seu orzamento total ascende a 719.999,89 €, dos cales o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade de Benestar (Consellería de Política Social) achega 360.000 €.

     A edificación constará de catro andares e un semisoto. Terá unha clara vocación interxeracional dentro dun espazo polivalente no que se  desenvolverán distintas actividades lúdicas, formativas e sociais e no que se concentrará a atención social que se lles brinda aos diferentes colectivos. Unha infraestrutura que dará resposta ás necesidades de ocio e doutro tipo tanto das persoas de idade avanzada como das que presentan algún tipo de diversidade funcional.

   
 

 

   

 


Anterior Siguiente
Novas de..
Mancomunidade de Ordes
Cerceda
Frades
Mesía
Ordes
Oroso
Tordoia
Trazo