Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
Servizos MancomunadosNovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e Gastronomía
Iniciada a homologación da ruta San Paio de Buscás-Poulo
11/06/2019 (Ordes)

Promovido polo Concello de Ordes, o proxecto vén de recibir unha subvención da Xunta e conta co visto e prace inicial da Federación Galega de Montañismo

Ordes, 11 de xuño de 2019.  O Concello de Ordes está a levar a cabo a homologación da ruta San Paio de Buscás-Poulo tras serlle concedida por parte de Consellería de Cultura e Turismo unha subvención por importe de 11.660,08 euros. A dita homologación é un proceso federativo interno que avala o cumprimento dos requisitos estipulados pola Federación Galega de Montañismo (FGM). Unha vez que se aprobe tamén será posible o uso da marca da Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada (FEDME).

Con esta medida o Concello quere complementar a denominada ruta do río Mercurín cunha lonxitude de 18,50 quilómetros e actualmente en fase de contratación. A adecuación e homologación da ruta de San Paio de Buscás-Poulo, de 9,67 quilómetros, atópase no contorno do itinerario do Camiño Inglés que transcorre entre ambas as poboacións. O carreiro, cuxo pavimento contará segundo o tramo con asfalto, chan non tratado e capas de agregados machucados, terá unha anchura libre de paso de polo menos 90 cm, chegando a 150 cm naqueles puntos nos que se teñan que realizar cambios de sentido. No caso da altura está garantido un mínimo de 220 cm libres de obstáculos. Traballarase arreo nos desniveis para evitar resaltes de máis de 2 cm, permitindo así o tránsito de calquera persoa con mobilidade reducida que precise de elementos ortopédicos para os seus desprazamentos. Deste xeito un dos maiores atractivos que presentará o trazado será a total accesibilidade a pesar de estar falando dunha zona rural.


Tamén se incorporarán indicadores, paneis de interpretación e elementos interactivos cun gran compoñente educativo. Elementos cun gran atractivo para todo tipo de usuarios e usuarias e, moi especialmente, para os que practican un turismo familiar. Tamén está contemplada a colocación de asentos e sinais horizontais e verticais accesibles para calquera persoa que teña algún problema de percepción visual, sonora ou de calquera outro tipo. Empregaranse diversos soportes para acceder á información audiovisual mediante dispositivos con capacidade de lectura de códigos QR. A ruta, ademais, incluirase na mashup gratuíta Wikilok. No proxecto dispóñense tamén prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida, que estarán situadas o máis próximas aos puntos de inicio e finalización do carreiro.


Segundo as estimacións do Concello de Ordes, o proxecto estará rematado a mediados do mes de outubro. Con esta medida o Concello segue avanzando no seu plan de converter o Camiño Inglés nun revulsivo para a zona rural, na que a día de hoxe xa se atopan distintos establecementos hostaleiros e de hospedaxe rural de alto nivel e calidade.

 


Anterior Siguiente
Novas de..
Mancomunidade de Ordes
Cerceda
Frades
Mesía
Ordes
Oroso
Tordoia
Trazo