Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
NovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e GastronomíaServizos Mancomunados
O Conselleiro de Educación visita as obras do CEIP Castelao
17/07/2017 (Ordes)

Acompañado do alcalde e da concelleira da área de Ordes Román Rodríguez supervisou os cambios e melloras realizadas no centro ao longo dos últimos meses, tras un investimento de preto de 400.000 euros

Ordes, 17 de xullo de 2017. O alcalde e a concelleira de Educación, José Luis Martínez Sanjurjo e Susana García, acompañaron esta mañá ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, na súa visita ao CEIP Alfonso R. Castelao. Román Rodríguez coñeceu así de primeira man o investimento de preto de 400.000 euros que o seu departamento realizou ao longo dos últimos meses co obxectivo inmediato de ver mellorada a eficiencia enerxética e funcional deste centro. Atendendo a criterios técnicos a dita intervención acadará un aforro enerxético de arredor do 34%.

     Grazas a tan notable investimento, que contou co cofinanciamento dos Fondos Europeos FEDER, conséguese dar resposta a moitas das necesidades que presentaba ata o de agora o CEIP Castelao, cuxas instalacións datan de finais dos anos  70.

     Máis concretamente, as actuacións levadas a cabo centráronse principalmente no illamento térmico da cuberta e da fachada, na substitución das fiestras e en elementos da carpintería exterior por outros confeccionados con aluminio con rotura de ponte térmica, colocación de novas persianas, renovación das luminarias e instalación de pantallas LED con equipos multisensor graduais. Xa por último tamén se realizaron labores e traballos relacionados coa pintura interior.

    Na visita, tanto polo exterior como polo interior de colexio, o conselleiro tamén estivo acompañado polo delegado territorial, Ovidio Rodeiro; o delegado teritorial de Educación, Indalecio Cabana; ademais da nova directora do centro, Maribel Graña. Precisamente foi esta última quen amosou os cambios realizados en moitas das aulas, así como a nova biblioteca.

     Por parte de Susana García, “valórase moi positivamente o traballo en prol do benestar tanto do profesorado como do alumnado”, a concelleira de Educación de Ordes tamén destaca “a importancia deste tipo de investimentos que se traducen nunha mellora da calidade da ensinanza pública no noso municipio”. Aspectos nos que coincide o rexedor, José Luis Martínez Sanjurjo, quen destaca o compromiso do seu goberno coas melloras no ámbito e nos centros educativos con outras actuacións,  como o cambio de fiestras que se levará a cabo no CEIP Campomaior.

     Cómpre lembrar que se trata tamén dunha das máis de 700 intervencións programadas pola Consellería nos centros escolares de toda Galicia ao abeiro de tres eixos de actuación que son o Plan de Infraestruturas 2016/20, o Fondo de Superávit de Responsabilidade e as actuacións de Reforma, Ampliación e Mellora (RAM), cun investimento que acada os 40 millóns de euros.


Anterior Siguiente
Novas de..
Mancomunidade de Ordes
Cerceda
Frades
Mesía
Ordes
Oroso
Tordoia
Trazo