Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
Servizos MancomunadosNovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e Gastronomía
Ordes aproba un orzamento de máis de 9 millóns de euros para o exercicio 2019
30/11/2018 (Ordes)

No pleno desta semana tamén saíron adiante as obras do POS+ 2019 e a planificación do novo plan normativo municipal

Ordes, 01 de decembro de 2018. O Concello de Ordes xa ten aprobados inicialmente os seus orzamentos para 2019, os cales ascenden a un total de 9.364.888,51 €.

     Unha contía inferior á do ano pasado nun 7,29%, aínda que cómpre subliñar que non recollen as subvencións e achegas para investimentos doutras administracións "polo que agardamos que se vaia incrementando ao longo do exercicio", puntualizou a alcaldesa en funcións Ana Soneira. "Presentamos uns orzamentos nivelados nos seus estados de ingresos e gastos, dando cumprimento ao establecido na Lei Reguladora de Facendas Locais, á regra de gasto, aos límites de débeda e asegurando a estabilidade orzamentaria". Soneira tamén garantiu "o cumprimento da Lei de Estabilidade Financeira ao presentarse unha capacidade de financiamento de máis de 806.000 € e sen exceder o límite de débeda".

      Ao respecto, tanto Uxo como PSOE argumentaron a súa reticencia “nos poucos recursos dedicados á promoción e creación de emprego", a non adscrita Beatriz Martínez postulou que "non son uns orzamentos participativos" e defendeu a fórmula empregada noutros municipios nos que a cidadanía fai propostas de forma directa. Pola súa banda, o BNG mostrou o seu descontento co investimento de máis de 700.000 € no centro sociocomunitario Isabel Zendal e cos recursos destinados a desenvolvemento empresarial.  Falou dunha baixada do 17% nas axudas a material escolar e asegurou que o descenso da débeda terá un ritmo máis lento có indicado polo Concello.

Saneamento das contas

Argumentos estes que foron rebatidos dende a bancada do Goberno de maneira contundente. En palabras de Ana Soneira "estes orzamentos caracterízanse polo mantemento de servizos esenciais, con especial dedicación aos colectivos máis desfavorecidos e sendo as liñas fundamentais destes o marcado carácter investidor e o saneamento das contas municipais".

     Igual que fixera xa no mes de outubro o alcalde, nesta ocasión foi a alcaldesa en funcións a que abriu a sesión plenaria facendo un exhaustivo informe do estado da débeda bancaria do Concello logo da amortización de 200.000 euros realizados na mañá do día de celebración do pleno (29/11/2018). A dita amortización provoca que a previsión real da débeda ante entidades financeiras se vai situar a 31 de decembro deste ano en 1.787.264,61 euros (5,3 millóns en 2015). Máis a longo prazo, a finais de 2019, estará por debaixo do millón de euros e os xuros anuais inferiores aos 18.000 € (eran máis de 200.000 € ao remate de 2014). Unha situación conseguida "mediante a contención de gasto público, a eficiencia na asignación dos recursos municipais e a sustentabilidade dos servizos fundamentais. Sempre co mantemento de crédito ás políticas sociais (incrementadas en case un 95% en apenas 3 anos de goberno do partido popular en Ordes), de emprego e fomento económico, así como aos investimentos produtivos".

     A alcaldesa en funcións fixo fincapé na súa quenda de peche do debate nos incrementos orzamentarios. Destacou novamente o aumento das partidas destinadas a políticas sociais (gastos sociais, educativos, culturais e deportivos). Unha formulación reforzada pola voceira e concelleira de Educacion, Susana García “No ano 2019 prevese o incremento das bolsas de material escolar ata acadar os 25.000 euros e resolverase definitivamente a situación anormal dos anos 2016, 2017 e 2018, onde houbo que incrementar crédito para poder atender demandas pendentes de exercicios anteriores” indicou. Cómpre recordar que este goberno foi capaz de regularizar a situación, e con esta medida agardamos que de xeito definitivo se logren sacar as bolsas e pagalas antes do 31 de decembro de cada ano de inicio dun novo curso escolar”. 

      “Nos últimos catro exercicios incrementamos nun 94,50% o crédito destinado a estas cuestións” contestou García, “incluíndo aquí tamén as bolsas a deportistas do municipio”. Unha partida na que tamén se inclúe o cheque-bebé que se instaurará, cunha contía máxima de gasto de 24.000 euros. Con esta medida preténdese fomentar a natalidade e fixar poboación. Beneficiaranse dela os nenos e nenas nados a partir do 1 de xaneiro.

     Para as actuacións de protección e promoción social (servizos sociais, achega á Mancomunidade de Ordes e para o fomento do emprego) estas sitúanse no 15,25%, mentres que a produción de bens públicos de carácter preferente (educación, cultura e deporte) aumenta un 12,77%.

     Á hora da votación prevaleceu o criterio do Goberno local (5 membros), apoiado polos concelleiros non adscritos Roberto González, Luis Gómez e Ramón Vázquez. Tanto UxO (2 membros) como o BNG (3 membros) e a non adscrita Beatriz Martínez votaron en contra, mentres que o PSOE optou pola abstención.  A aprobación definitiva prevese acadar antes do 31 de decembro tras o período de exposición pública para presentar alegacións.

     Tamén se aprobaron no pleno as obras englobadas no POS+ 2019, sen dúbida outro punto esencial para os investimentos que pretende levar a cabo o goberno local no ano 2019. A achega total da Deputación da Coruña para este plan ascende a 978.513,29 €. Os proxectos que se levarán a cabo corresponden, entre outros, aos camiños no Canedo (Ardemil), Vilasuso (Beán), O Castro co cruzamento de Meitufe (Leira) e completar o acceso a Faramilláns (Buscás). Tamén se pavimentará en Barbeiros o acceso aos Lagos, Fondo da Aldea, Ramil, O Cruceiro, A Aldeíña etc. Levaranse a cabo melloras nas vías interiores de Vilariño (Buscás), incluída a creación dunha senda peonil no Camiño Inglés(dende A Rúa a Vilariño), a ampliación da senda na Estación de Parada, así como continuar a obra prevista en 2018 dende Tralorrío cara ao Seixo (Mercurín). Realizaranse así mesmo labores de aglomerado na vía principal dende A Rúa cara a Trabes. Tamén se obrará no camiño que vai da Pedreira a Castrelos pola escola (Leira) e na pista de concentración que vai de Castrelos a Brumeiral e N-550 (Leira). Outra vía a arranxar será a que une O Bidueiro co Sangriño, e un proxecto complementario o arranxo con asfalto na vía do Fondo da Aldea cara á Armada (Vilamaior). Tamén se mellorará con formigón un acceso na Bailía (Leira).

     Por unanimidade aprobouse tamén a planificación do plan normativo municipal de cara a 2019. Este inclúe a aprobación de diversos regulamentos relacionados coa biblioteca, coa escola de música e coa piscina descuberta do Muíño. Tamén se contemplan varias ordenanzas reguladoras en relación coas urbanizacións nas vías municipais, a publicidade en espazos municipais, así como a extracción de madeira nos montes e espazos forestais e o mantemento de vías públicas. Outras ordenanzas relacionadas atinxen á dirección de obras, coordinación de seguridade, saúde, inspección, control de calidade e liquidación das obras municipais, así como das taxas ás empresas eléctricas e de gas polas instalacións que atravesan o dominio público local.

     En base a este punto tamén se formularon as modificacións da ordenanza da ORA; posesión de animais domésticos; canceira municipal; piscina Iván Raña; tributos municipais, terrazas e outras ocupacións de dominio público e escola infantil municipal.

     Outro punto no que toda a corporación estivo de acordo foi na retribución en réxime de dedicación exclusiva da primeira tenenta de alcalde e actualmente alcaldesa en funcións, Ana Soneira, debido á baixa médica do rexedor José Luis Martínez Sanjurjo. Cómpre concretar a abstención de Ana Soneira á votación desta moción.

Declaracións institucionais

No pleno ratificáronse tres declaracións institucionais. A primeira delas estivo centrada na eliminación da violencia de xénero, en relación coa celebración o pasado domingo do Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres. A segunda responde á desconformidade do Concello sobre a inclusión no rexistro da Xunta dos parques de Meirama, Solpor e Legres, situación que contraría o pronunciamento de municipio libre de eólicos asinado polo Concello de Ordes en 2018 xunto con outros municipios da comarca. Por último, tamén se apoiou o texto para garantir a continuación da actividade da central térmica de Meirama.


Anterior Siguiente
Novas de..
Mancomunidade de Ordes
Cerceda
Frades
Mesía
Ordes
Oroso
Tordoia
Trazo