Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
Servizos MancomunadosNovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e Gastronomía
Ordes baixa o tipo dos impostos do IBI e do ICIO
30/09/2017 (Ordes)

No primeiro caso situarase no 0,53% para o exercicio 2018 e no 0,51% de cara ao ano 2019, mentres que no segundo será do 2,50%. O Pleno deste mes tamén acordou bonificacións para as empresas que xeren emprego, ademais de aprobar a conta xeral 2016

Ordes, 30 de setembro de 2017. O Pleno deste mes de setembro arrancou cos datos relativos á amortización de débeda financeira cos bancos. Segundo explicou José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes, esta sitúase a día de hoxe en 2.736.000 tras o último pagamento de 336.000 €, obtidos do remanente do exercicio 2016.

     A sesión continuou coa aprobación da conta xeral de 2016, acadada coa suma dos cinco votos dos membros do equipo de Goberno, do PSOE e o do non adscrito Roberto González. O voto desconforme veu da man dos dous integrantes do BNG e de Beatriz Martínez (non adscrita). Os dous concelleiros actuais de UxO e Luis Caamaño (non adscrito) optaron pola abstención. A prórroga dos contratos de servizos como o guindastre ou o mantemento e a limpeza de instalacións públicas, así como a aplicación de expedientes de crédito, foron algúns dos aspectos criticados por parte da oposición.

     Outro dos puntos máis destacados da orde do día foi a modificación das ordenanzas fiscais de cara aos vindeiros anos. Ademais da derrogación do acordo alcanzado o pasado 26 de maio sobre a baixada de impostos, medida á que se opuxeron tanto os técnicos municipais como os da Deputación da Coruña, alcanzouse acordo nas novas taxas do Imposto de Bens Inmobles (IBI) e do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO).

Compromiso cumprido

No caso do IBI do 0,56% actual pasarase ao 0,53% en 2018 e ao 0,51% en 2019. Deste xeito, tal e como destacou o rexedor, “cumprirase co compromiso de baixar ata o 10% o tipo do dito imposto, xa que en 2015 se situaba no 0,60%”. Tamén se dará unha rebaixa no tipo do ICIO, que do 2,78% que se aplica actualmente pasará ao 2,50% nos vindeiros anos. Ademais, tamén se aceptou a aplicación de bonificacións entre o 10% e o 75% para aquelas empresas que xeren emprego, tal e como solicitaran os nacionalistas en maio pasado.

     O apartado de mocións abriuno Beatriz Martínez (non adscrita), acadando unanimidade na súa petición para sinalar e adecuar debidamente as paradas de autobuses ao longo do termo municipal.

     Un consenso que tamén obtivo o voceiro do grupo socialista, Alejandro Manteiga, na súa petición de traballar en prol da colaboración entre o Concello e a Consellería de Sanidade para a construción, o máis pronto posible, dun heliporto a carón do centro de saúde de Ordes. Importante tamén foi o chamamento de Manteiga a toda a corporación para “continuar traballando de cara á aprobación provisional do PXOM, dada a importancia que este ten para o desenvolvemento do municipio e, especialmente, para continuar cos trámites necesarios de cara á construción do polígono industrial de Pardiñas”. Un aspecto no que tamén redundou Martínez Sanjurjo “sobre todo tendo en conta que a día de hoxe só queda unha parcela libre no polígono de Merelle”.

     O BNG solicitou unha xuntanza para debater a posibilidade de mancomunar o servizo de guindastre cos municipios de Oroso, Cerceda e Carral. Unha iniciativa que foi apoiada por todos, agás o concelleiro Roberto González, “aínda que na Mancomunidade xa se ten falado desta posibilidade e non se chegou a ningún tipo de acordo. De feito algún destes concellos xa rexeitou esta medida”, aclarou o alcalde.


Anterior Siguiente
Novas de..
Mancomunidade de Ordes
Cerceda
Frades
Mesía
Ordes
Oroso
Tordoia
Trazo