Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
Servizos MancomunadosNovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e Gastronomía
Ordes celebra esta fin de semana a I Gala do Deporte
19/12/2018 (Ordes)

O Concello brindaralles unha homenaxe a entidades, clubs, asociacións, escolas e deportistas. Terá lugar o venres ás 19 horas no pavillón Castelao I

Ordes, 19 de decembro de 2018. O Concello de Ordes celebrará este próximo venres, 21 de decembro, a súa I Gala do Deporte, na que se entregarán preto de 50 galardóns a deportistas, entidades, clubs, asociacións e figuras destacadas do deporte dentro do ámbito municipal. A todas e todos eles renderáselles unha merecida homenaxe.

     O acto estará aberto a todas as persoas que queiran acudir. Terá lugar no pavillón Castealo I a partir das 19 horas (apertura de portas ás 18.45 horas) e terá unha duración aproximada de dúas horas.

     A día de hoxe xa teñen confirmada a súa asistencia: Asociación Enfeitizados (Aikido), Club Atletismo Ordes, Club SEO, Asociación Cultural Cabaleiros de Ardemil, Jogafán Fútbol Sala, Club Patinaxe Galia, Asociación de Taekwondistas da Comarca de Ordes, A.C. Órdenes e o Club Chave Leira. No eido futbolístico tamén estarán presentes: A.D. Vila de Ordes, O Mesón do Vento C.F. Veteranos, S.D.C. Órdenes, S.D.C. Órdenes Veteranos, S.D. Santa Cruz de Montaos e Veteranos Ordes. O mundo do motor estará representado por Manuel Sánchez Bouzas, Iván Muíño Liñares, José Antonio Iglesias Morandeira, María Regos Muíño, Manuel e Óscar Pedreira Louro.

     Ademais o acto servirá para brindarlles un recoñecemento especial a aqueles e aquelas deportistas máis sobresaíntes do concello, ou ben que desenvolven a súa actividade no termo municipal. Por suposto non faltará o triatleta e campión mundial Iván Raña. Outras presenzas notables serán as de Ánxeles Rodríguez del Río, campioa nacional de lanzamento de xavelina; Herminio Rial Naveiro, campión mundial de media maratón en cadeira de rodas; José Luis Huelves, adestrador de hóckey, campión de Europa júnior e 119 veces internacional coa selección española; e Santiago Moar Sánchez, xogador de fútbol do  Bethlehem Steele que compite na liga profesional de EEUU.

Bolsas  

Tamén se lles brindará un recoñecemento especial a todas e todos os deportistas que obtiveron unha bolsa do Concello de Ordes. Por primeira vez este ano concedéronse unha serie de axudas económicas por un valor total de 6.000 euros, das cales se beneficiaron 22 persoas. O obxectivo destas bolsas é contribuír co desenvolvemento da súa actividade deportiva e facilitar a súa participación en citas e competicións que teñan lugar fóra do termo municipal.

    As actuacións do Mago David e as dos grupos de zumba animarán este acto que será conducido polo produtor e dj Toni Seijas e polos xornalistas Ana Pérez (TVG) e Pablo Quinteiro.


Anterior Siguiente
Novas de..
Mancomunidade de Ordes
Cerceda
Frades
Mesía
Ordes
Oroso
Tordoia
Trazo