Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
Servizos MancomunadosNovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e Gastronomía
Ordes celebra o último pleno da lexislatura 2015-2019
12/06/2019 (Ordes)

Ordes, 12 de xuño de 2019.  Esta mañá tivo lugar o último pleno do actual mandato do Concello de Ordes. Unha vez aprobada a acta da sesión anterior o alcalde en funcións, José Luis Martínez Sanjurjo, tivo palabras de agradecemento “para todas e cada unha das persoas que formaron parte da corporación municipal na lexislatura 2015-2019 que agora remata”. De maneira especial destacou “a lealdade, colaboración e o traballo intenso demostrado polos concelleiros e concelleiras que me acompañaron e apoiaron incondicionalmente nestes catros anos, e sempre en prol dun Ordes mellor”.  

     Martínez Sanjurjo estendeu o seu agradecemento a “compañeiros doutras formacións políticas que souberon antepoñer os intereses de Ordes aos intereses partidistas curtopracistas”, especialmente á hora de aprobar inicialmente o PXOM, ou apoiar os plans de obras e os orzamentos municipais dos exercicios 2018 e 2019”.

     Entre todas as dificultades que o Goberno local debeu sortear nestes últimos 4 anos sinalou a difícil situación económica coa que se atoparon á súa chegada en 2015 ou unha xestión dos recursos e dos servizos caótica. Entre os obxectivos acadados nesta lexislatura mencionou a apertura do Concello chegando a atender 4.000 visitas ou saídas, o establecemento dunha interlocución institucional privilexiada ou o investimento superior aos 20 millóns de euros levado a cabo. Nun momento dato tamén tivo palabras para membros da corporación que non estarán presentes no próximo mandato. Este é o caso de Roberto González, Manuel Regos Boquete, Luis Gómez Candal e Ramón Vázquez Raña. Ademais, tivo un recordo especial para Ramiro Recouso Liste, concelleiro do BNG “que iniciou este mandato con nós e que nos deixou ás poucas semanas”.

     Alejandro Manteiga, voceiro do PSdeG-PSOE, agradeceu “o apoio que sempre me brindaron funcionarios, funcionarias e en xeral o persoal do Concello” e felicitou tanto ao PP polos resultados acadados nos pasados comicios como a todos os cargos electos da vindeira lexislatura. Tanto Luis Gómez Candal como Beatriz Martínez Candal amosaron o seu orgullo por formar parte da corporación local ordense. Por parte do BNG Pablo Vidal sinalou que “fóra das posicións políticas o que priman son as persoas”, desexándolles “todo o mellor a nivel persoal a aquelas que hoxe cesan a súa actividade”. Quen tamén valorou positivamente o seu periplo en política foi Manuel Iglesias, de UxO, aludindo tamén á nova etapa que en breve iniciarán “cun novo equipo”.

“Morrerei político”

Sen dúbida a intervención máis emotiva partiu do concelleiro Roberto González, fundador de Alianza Popular en Ordes e cunha andaina como representante en diversas institucións dende o ano 1983. En base á súa experiencia e traxectoria quixo brindarlles un consello aos que pasarán a formar parte da nova corporación. “Hai que servir aos ordenses independentemente de a quen voten”.  O de Roberto González “máis que un adeus é un ata logo” porque como el mesmo puntualizou “seguirei sendo político ata o día que morra. Quero que funcionarios, representantes políticos, veciños e veciñas saiban que sempre estarei para o que me necesiten e os poida axudar”.

Toma de posesión

A seguinte cita  no calendario será o vindeiro sábado, 15 de xuño, ás 12.30 no salón de plenos do antigo consistorio. Alí terá lugar o pleno de toma de posesión dun novo mandato no que José Luis Martínez Sanjurjo volverá repetir como alcalde. Nesta ocasión contará cunha vantaxe máis folgada ao contar cunha maioría absoluta grazas aos nove membros acadados. O BNG repetirá con tres concelleiros, os mesmos cos que contará UxO, mentres que o PSdeG-PSOE terá dous.


Anterior Siguiente
Novas de..
Mancomunidade de Ordes
Cerceda
Frades
Mesía
Ordes
Oroso
Tordoia
Trazo