Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
Servizos MancomunadosNovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e Gastronomía
Ritmo, festa e arte chegan esta fin de semana da man do DesOrdes Sonoras
10/08/2018 (Ordes)

Mañá sábado o parque da Constitución será escenario para Hermanos L, SSSSEKONE vinil set, Boyanka Kostova e Mounqup. Destacan as proxeccións nocturnas e a posibilidade de poder ver distintos puntos da vila en realidade aumentada a través dunha aplicación gratuíta

Ordes, 11 de agosto de 2018.  A undécima edición do festival de arte urbana DesOrdes Creativas segue o seu curso tal e como estaba previsto. Fachadas, valos e espazos da vila de Ordes xa locen obras e murais de Animalito Land, Lidia Cao, Minia Regos e Miguel Peralta.

     Pero un dos pratos fortes chegará mañá sábado, 11 de agosto, co DesOrdes Sonoras, o cal terá lugar no céntrico parque da Constitución. Ás 13 horas dará comezo a sesión vermú, que estará amenizada pola sesión que ofrecerá SSSEKONE vinil set. Previamente, a partir das 11, e novamente dende as 16 horas Nove Noel ofrecerá unha exhibición de pintura en vivo no mesmo lugar.

     Outras das iniciativas prevista é o obradoiro de pintura mural para os nenos e nenas inscritos previamente, e a ruta guiada polos distintos murais espallados polo núcleo urbano, a cal partirá tamén do parque da Constitución ás 19 horas. A festa rachada chegará a partir das 22 horas coas actuacións de Hermanos L, Boyanka Kostova, Mounqup e SSSEKONE vinil set.

Proxeccións e realidade aumentada

Unha das novidades que presenta o programa deste ano é a das proxeccións que a partir da medianoite de hoxe venres e mañá sábado se levarán a cabo na fachada do Concello da man de A.L. Crego. Non será a única localización escollida senón que ademais, e aleatoriamente empregando un vehículo, tamén se poderán contemplar imaxes sobre paredes, fachadas e espazos do casco urbano ao longo da noite.

    Tamén da man de A.L. Crego, quen queira poderá ver distintos lugares de Ordes dun xeito innovador. A través da App gratuíta Artivive App terá a posibilidade de contemplar distintos puntos da vila en realidade aumentada. Entre estes espazos e elementos figuran os murais situados no IES Maruxa Mallo (INO), no Matadoiro (SR.X), nas rúas Recreo e Escolar (Malakkai), a fiestra lateral dereita da igrexa, traseira e pasarela do Concello, cartel informativo paseo fluvial Ramiro Recouso Liste, ademais dos flyers e carteis do festival (máis información n Facebook do festival e en www.desordescreativas.com).

     Organizada polo Concello de Ordes, esta iniciativa, que finalizará o vindeiro domingo, está cofinanciada pola Deputación da Coruña, patrocinada por pinturas Proa e Loxam Hune. Tamén conta coa inestimable colaboración de Mutante (arte, deseño e comunicación).


Anterior Siguiente
Novas de..
Mancomunidade de Ordes
Cerceda
Frades
Mesía
Ordes
Oroso
Tordoia
Trazo