Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
NovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e GastronomíaServizos Mancomunados
Cerceda  |  Frades  |  Mesía  |  Ordes  |  Oroso  |  Tordoia  |  Trazo

Ruta de sendeirismo da Fraga aos Muíños

Esta ruta comeza no lugar dos Ricos (Visantoña) e remata na Ponte Carballa (Olas). Ten unha lonxitude total de 13.450 metros e un desnivel neto de 98 metros, xa que parte dos arredor de 400 metros de altitude sobre o nivel do mar e remata en pouco máis de 300. Está identificada a nivel autonómico como PR-G 117.

A ruta está considerada de nivel de dificultade baixo. O tempo estimado para completar o seu percorrido é de arredor de tres horas e media.

Ao longo do percorrido atoparemos varios muíños, catro deles totalmente recuperados. Son o da Ribeira, o de Queiroa, o do Batán e o da Cubela. Nos paneis informativos figuran ilustracións e textos descritivos dos elementos arquitectónicos dos muíños e do seu valor patrimonial e etnográfico, derivado da utilidade económica e social que tiñan hai só unhas décadas.

Outro dos grandes atractivos da ruta de sendeirismo homologada do Concello de Mesía son as paisaxes agrarias e forestais propias da zona, con proliferación de especies de flora e fauna autóctonas. Destaca ademais que nunha boa parte do seu percorrido recuperáronse sendas e camiños antigos.

Percorrido
O inicio da ruta é o camiño antigo da Fraga. Intérnase na Chousa de Fóra, O Coto, a Chousa do Abellón, Roxos do Medio, O Petón e Roxos de Abaixo, ata chegar á parte do Torreiro. A partir de aí diríxese aos Campos da Piña e ás Ganzas, aproximándose ao Alto das Pías e descendendo logo cara ao Tello. Nesta zona atópase o primeiro dos catro muíños enmarcados na ruta, o da Ribeira. O traxecto avanza despois pola Redonda e As Chousas.

Neste punto, a ruta abandona Visantoña e entra xa na parroquia de Olas. Por pistas forestais, pasa preto da aldea de Queiroa, descende polo Novío e vai ata o muíño de Queiroa. Movido tamén pola auga do río Traveso, non moi lonxe atópase o emblemático muíño do Batán, situado no fondo dunha vagoada coroada polo Castro de Olas, á súa vez próximo á aldea de Soutelo. De todos os xeitos, o traxecto avanza parello ao río para chegar ao cuarto muíño do percorrido, o da Cubela, e logo emprende o camiño cara ás aldeas da Carballa e de Leborís para proseguir de seguido no derradeiro treito ata a área recreativa da Ponte Carballa, a carón do río Samo, onde remata a andaina. 

 Como facer a ruta
Quen desexe facer esta ruta sendeirista pode informarse previamente na Casa do Concello (981 687 001), onde se facilitará material promocional e descritivo de todo o itinerario e dos aspectos a ter en conta para percorrela con éxito e non deixar de ver os seus elementos máis interesantes.

En todo caso, tamén é posible desprazarse directamente ata o punto de inicio para completar o percorrido. Esta opción vese facilitada pola perfecta sinalización da ruta, que segue os criterios técnicos MIDE (Método de Información de Excursións) con paneis informativos, balizas e múltiples marcaxes de madeira que indican a continuidade, os cambios de sentido, as direccións que non se deben tomar, e mesmo derivacións da ruta.

Quen utilice algún tipo de dispositivo tecnolóxico de posicionamento por satélite (tipo GPS), debe saber que as coordenadas do punto de inicio son X=556375.06 e Y=4776646.01. Pola súa parte, as coordenadas do punto final da ruta son X=557110.06 e Y=4771874.87.

A ruta tamén se pode efectuar coa axuda das aplicacións dos chamados teléfonos móbiles intelixentes, como o caso dos iPhone ou semellantes. Pódese visualizar e descargar de balde nas páxinas web wikiloc (http://es.wikiloc.com/wikiloc/view.do?id=1781275), everytrail (http://www.everytrail.com/view_trip.php?trip_id=1145201) e ikimap (http://www.ikimap.com/map/qKYF), nunha iniciativa posta en marcha por Turgalicia, que complementa á tradicional guía de rutas de sendeirismo homologadas de Galicia. Mediante este tipo de aplicacións pode seguirse a senda, obter descricións e fotos sobre ela, saber canto se leva percorrido e canto resta, a velocidade media, e tamén intercambiar material e valoracións con outros usuarios, entre outras posibilidades.

 

Onde queres ir?
Categoría

Cerca de Ruta de sendeirismo da Fraga aos Muíños
Visantoña - Parroquias
Mesía (0.74 km)
Aula da Natureza e Museo Etnográfico Brañas de Valga - Museo
Mesía (1.33 km)
Área recreativa Brañas de Valga - Natureza
Mesía (1.39 km)
Olas - Parroquias
Mesía (3.35 km)
Igrexa parroquial de Santiago de Vilamaior - Arquitectura Relixiosa
Ordes (4.15 km)