Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
Servizos MancomunadosNovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e Gastronomía
Cerceda  |  Frades  |  Mesía  |  Ordes  |  Oroso  |  Tordoia  |  Trazo

Ermida de Santa Eufemia e San Mateo en Vilouchada

Tamén denominada “Catedral da montaña” como así chama o historiador Carré a esta capela de Vilouchada.

Está situada, Santa Eufemia, no centro do municipio de Trazo, na parroquia de San Vicenzo de Vilouchada,  nun contorno natural de gran beleza. A ermida presenta unha planta cruciforme composta por un brazo lonxitudinal e outro transversal de dimensións menores situado na parte central do primeiro. Os muros aparecen recebados e a fachada construída en cantería á vista, igual que os enmarques dos vans, que non son moi abondosos. As cubertas son de tella sobre estruturas de madeira.

A parte máis destacada constitúea o ciborio octogonal rematado en cúpula sobre o cruceiro, engadido con posterioridade á construción inicial. A fachada frontal conforma o elemento principal da construción, sendo a parte na que se concentra a decoración. Presenta un frontón triangular resultado do remate disposto a dúas augas, encima do cal se levanta un campanario coroado por unha pequena cúpula octogonal.

No mesmo eixo que o campanario alíñanse a porta principal e un van semicircular, flanqueados por pilastras rematadas en capitel xónico. Ao templo accédese por medio dunha escalinata monumental de dobre acceso, frontal e lateral. O seu estilo é neoclásico.

“Segundo as crenzas Santa Eufemia ten un culto de moita antigüidade e foi martirizada no ano 140. Segundo a tradición, a súa ficha di así: Virxe e mártir, cristiá de Galicia. Outra máis “singular” narra como foi atopado o seu corpo en Manín-Lobios (Ourense) nunha serra que levaría o seu nome no ano 1090. O seu descubrimento débese a unha pastoriña que viu como asomaba unha man cun anel de entre unhas rozas. A nena apoderouse do anel e nese momento quedou muda. O seu pai levouno a restituílo ao mesmo lugar e oíuse unha voz que, en lingua galega, lle dicía que alí estaba enterrada a mártir “Eufemia”. O bispo de Ourense Pedro I Seguín, axudado por unha muller do pobo, chamada Estefanía,  trasladouno a unha ermida, establecéndose un conflito co Arcebispo de Braga que a reclamaba para si. O preito quedou resolto apelando algo moi típico nestes casos, que era colocar o corpo sobre un carro tirado por dous touros que non foran xunguidos deixando á sorte e decisión destes. Estes tomaron o camiño de Ourense parando preto do pobo de Xeixalvo – próximo á cidade- e levantóuselle alí unha ermida co seu nome que durou ata o século XVI (hoxe apenas existen vestixios). En 1590 trasládanse os restos mortais á catedral, onde proseguen unha serie de sucesos”.

Os retablos actuais teñen a súa orixe no ano 1915 sendo párroco D. Ramón Pedreira Tojo e o seu capelán D. Manuel Noya Domínguez, natural do lugar de Oa en Xavestre. Son de estilo gótico con data do ano 1915. Ten unha escalinata de triplo acceso de cantería e balaustrada. No retablo maior están as imaxes de: Á dereita a Virxe Dolorosa, Santa Lucía, e, no centro, a Virxe de Fátima; abaixo e arriba Santa Eufemia. Ao lado esquerdo San Ramón e San Xosé.

No altar da capela lateral dereita está o camerino da Santa coa súa imaxe da procesión, á dereita atópase Santo Andrés e á esquerda San Francisco de Asís.

Na capela lateral esquerda está á dereita Santo Eleuterio co seu can, no centro Santa Margarida e á esquerda San Brais.

Consta de dous púlpitos con peaña de pedra e reixa e dous confesionarios dedicados a Santa Eufemia e San Mateo; tamén ten petos artísticos para recoller as esmolas dos seus devotos. Ademais, consta, detrás do altar, da sancristía e os seus mobles, “o peto do trigo”, con  capacidade para máis de 500 ferrados de trigo, e, no piso de arriba, de dúas salas para comedor e demais servizos do templo.

O conxunto do edificio ten cinco portas e once ventás, e na fachada principal ten un ventanal de media lúa que dá luz á tribuna, de construción en madeira, con escaleiras de pedra. Ademais, ten unha casa para o capelán, onde hoxe, na parte baixa, están os servizos e o almacén. Ten luz e auga. Nos arredores,  hai un campo de  carballos para as merendas e os  postos de venda que se instalan no día da festa. Tamén conta cun grande aparcamento.

A cúpula central construíuse hai 80 anos polo mestre de obras da cerería das “cinco rúas de Santiago” coa finalidade de dotar de máis luz o interior da capela. Logo construíuse o oratorio exterior, en tempos do capelán D. Lino Caramés de Rial (Val do Dubra), hoxe sen teito, para celebrar a Santa Misa o día da festa por tanta concorrencia dos devotos de toda Galicia.

Fronte á porta principal contémplase o cruceiro para as procesións, de gran beleza, onde destaca o seu capitel, decorado con orlas vexetais en cada cara, un anxo con ás e o Cristo crucificado, coa peculiaridade de San Francisco de Asís, que o abraza, e o Cristo, que o mira, e para a outra parte a Virxe, en actitude de orar, coas mans xuntas e coroada por dous anxos.

Preto da capela hai unha fonte que se denomina a “Fonte da Santa”, que está situada na aldea da Penela, ao pé da estrada que vai á parroquia de Berreo e a Sigüeiro, de estilo románico, con oco para a imaxe da santa e con este letreiro “hízose en el año 1820, siendo Rector el licenciado don Juan Noboa”. Abaixo pon: “STA. Eufemia V. y M.”, que quere dicir virxe e mártir.

Á esquerda da fonte atopamos a “Pedra dos Cadrís” cos atributos sanitarios de curar a reuma e a esterilidade. No mesmo terreo, hai mesas e barbacoas para sandar a fame dos romeiros.

O día 16 de setembro ten lugar a romaría de Santa Eufemia, e o mesmo escenario acolle o día 21 de setembro a festa de San Mateo.

Romeiros chegados de todas as parroquias e doutros concellos limítrofes dan conta das súas promesas aos santos. A devoción vai unida á festa e ao xantar popular, e a gaita e as cantigas galegas enchen de vida os campos e a carballeira que serven de escenario á romaría.

A música e o baile son parte fundamental da cultura popular. Vellas cantigas e bailes do Concello de Trazo e o seu contorno foron recuperados e postos en valor, estando presentes tanto nas romarías populares como en escenarios e festivais internacionais de cultura tradicional.

A tradición oral di “galega foi Santa Eufemia, que en chan galego viviu e en chan galego morreu”.

Onde queres ir?
Categoría

Cerca de Ermida de Santa Eufemia e San Mateo en Vilouchada
Igrexa e Cruceiro de Santa María de Morlán - Arquitectura Relixiosa
Trazo (1.58 km)
Morlán - Parroquias
Trazo (1.70 km)
Igrexa e Cruceiro de Vilouchada - Arquitectura Relixiosa
Trazo (2.18 km)
Casa reitoral de San Vicenzo de Vilouchada - Patrimonio Civil
Trazo (2.18 km)
Mosteiro de San Vicenzo de Vilón - Arquitectura Relixiosa
Trazo (2.19 km)