Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
Servizos MancomunadosNovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e Gastronomía Sede Electrónica
Frades investirá 350.000 euros na construción dun centro sociocomunitario en Ponte Carreira
09/03/2020 (Frades)

O Pleno autoriza a sinatura do convenio con Política Social por 200.000 € cos votos a favor do PP e os votos en contra de PSOE e BNG. Unanimidade á hora de esixirlle á Xunta que incremente a partida para o Plan de Mellora de Camiños Rurais

9 de marzo de 2020.- O Pleno municipal de Frades aprobou a sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello de Frades e a Consellería de Política Social para a construción dun centro sociocomunitario en Ponte Carreira, que suporá un investimento de 350.000 euros e servirá para dar servizo aos veciños e veciñas do municipio, que poderán levar a cabo actividades lúdicas, sociais e de formación neste local. Un convenio que saíu adiante grazas aos 7 votos a favor do Grupo de Goberno e a pesar dos 4 votos en contra de PSOE e BNG.

 

O alcalde de Frades, Roberto Rey, explicou que “este centro sociocomunitario sería para uso e gozo de toda a veciñanza, pero especialmente das persoas maiores de sesenta anos. Un lugar onde poderían ter acceso aos servizos que xa presta o Concello de Frades como podoloxía ou fisioterapia, e tamén facer todo tipo de actividades, incluso algunhas das que xa están en marcha como a ximnasia de mantemento, pero nun local máis acolledor ca un pavillón”. “Non é un centro de día”, remarcou Rey Martínez, “pero por iso estará aberto a todas as persoas maiores e non só aos dependentes de grao 2 ou 3, dos que só temos catro casos en Frades”.

 

A Xunta de Galicia achegará 200.000 euros nos exercicios 2020 e 2021, con cargo ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, mentres que o Concello de Frades se fará cargo dos 150.000 euros restantes. Así mesmo, o Concello será o encargado de xestionar o centro e de organizar actividades nel para as persoas maiores, que representan o 42% da poboación do municipio.

 

O centro constará de dúas salas multiúsos, catro despachos, unha recepción cun pequeno almacén e aseos adaptados. Tanto as salas multiúsos coma os despachos estarán divididos a través de paneis móbiles, o que permitiría unilos entre si para crear salas de maiores dimensións para cando a actividade así o requira. Exteriormente, o edificio será un paralelepípedo, cun revestimento da fachada en paneis de aluminio en diferentes cores e un zócolo de granito inferior.

 

Debate

 

A construción do centro sociocomunitario de Ponte Carreira saíu adiante cos 7 votos a favor do PP e cos 4 votos en contra de PSOE e BNG, que pedían a construción dun centro de día. O voceiro do PSOE, Enrique Astray Otero, xustificou o seu voto en contra en que “consideramos máis ambicioso o centro de día” e lamentou que “a Xunta cambiou de idea sobre o centro de día e o Concello tamén”. Roberto Rey lembroulle que “o centro de día foi algo que todos os concellos pediron no seu momento. Pero dende que tomei posesión como alcalde e tras varias reunións na Consellería, puiden comprobar que a realidade é que hai centros de día na nosa área de influencia, como Cerceda ou Curtis, que non teñen as prazas cubertas. En Frades temos 4 persoas usuarias potenciais dese centro de día, pero non queren ir, queren máis horas de Servizo de Axuda no Fogar. E a Xunta está a aumentar as horas deste servizo”.

 

Ademais, o alcalde lembrou que “se facemos un centro de día en Frades, só podería haber nel 4 veciños de Frades, o resto sería xente de fóra. Pero o Concello de Frades sería quen tería que asumir os gastos. Por iso entendemos que un centro sociocomunitario dará un mellor servizo ás nosas persoas maiores, que podería verse complementado pola próxima apertura dunha Casa do Maior, que xestiona unha emprendedora do municipio”.

 

Pola súa banda, o voceiro do BNG, Manuel Míguez Villaverde, lembrou que “o centro de día se empezou a tramitar co bipartito. Anxo Quintana deulle para adiante pero, como dixo o anterior alcalde, foise moi lento, algo que eu mesmo teño que recoñecer. Pero chegou o Goberno Feijoo, recuperouno e mesmo chegou a poñer un cartel de obras na parcela”. Pola súa banda, o voceiro do PP, Manuel Ferreiro, puntualizou que, aínda que Anxo Quintana fora o representante do BNG máis comprometido con Frades durante o bipartito, “o que nos dixo foi que compraramos o terreo para facer o centro de día e, cando o fixemos, non nos recibiu durante máis de dous anos. Iso é vender fume”.

 

Resto da sesión

 

No que atinxe ao resto da sesión ordinaria de marzo, trasladada do venres ao sábado para así poder incluír tamén o sorteo das mesas electorais, os tres grupos aprobaron por unanimidade o inicio do expediente de desafectación de dous camiños municipais en desuso en Asemonde e Loira-A Cheda, que será cambiado por un camiño particular e por unha leira en Moar. Tamén se aprobou por unanimidade unha moción do PSOE, emendada polo grupo de Goberno, na que se insta á Xunta a non recortar o Plan de Mellora de Camiños Rurais. “A redución en Frades é do 28%. Nos anos pasados destinábanse 59.000 euros e para 2020 prevense 42.500 euros”, apuntou Enrique Astray.

 

O concelleiro de Economía, Manuel Ferreiro, aceptou o fondo da moción, se ben lembrou que a Consellería de Medio Rural investiu máis de 100.000 euros no pasado exercicio para a reconstrución de 4 pontes en camiños rurais de Frades. A maiores, o PP engadiu dous puntos á moción para pedirlle á Xunta que os seis millóns de euros que adoitan quedar sen adxudicar nese Plan se acheguen aos Concellos que, como Frades, si fan uso deses investimentos e que se teñan en conta os quilómetros de pistas rurais que ten cada municipio á hora de decidir as cantidades das achegas.

 

As outras dúas mocións do PP saíron adiante pero sen o consenso dos tres grupos. A primeira delas era para solicitarlle á Deputación da Coruña a súa colaboración na construción do centro sociocomunitario de Frades, que foi aprobada coa abstención dos dous grupos da oposición, que volveron insistir na necesidade de apostar por un centro de día. Rey Martínez explicou que “imos solicitar a colaboración primeiro da Deputación e, despois, de fondos estatais e doutras consellerías. Se non os conseguimos, pediremos un préstamo”.

 

Finalmente, o Pleno aprobou, cos votos a favor de PP e BNG e cos votos en contra do PSOE, instar ao Goberno de España a aboar a Galicia os 200 millóns de euros que reclama polo IVE e os 170 millóns de euros polo cumprimento dos obxectivos de déficit.

 


Anterior Siguiente
Novas de..
Mancomunidade de Ordes
Cerceda
Frades
Mesía
Ordes
Oroso
Tordoia
Trazo