Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
Servizos MancomunadosNovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e Gastronomía Sede Electrónica
O Concello de Frades convoca as axudas para transporte e material escolar dirixidas ás familias cos ingresos máis baixos do municipio
17/02/2020 (Frades)

As axudas ao transporte increméntanse en 50 euros

17 de febreiro de 2020.- O Concello de Frades convoca as axudas para transporte e compra de material escolar para o curso académico 2019-2020, que están dirixidas ás familias máis necesitadas do municipio. Unhas axudas cuxas bases foron publicadas hoxe no BOP, polo que mañá martes se abre un período de 15 días hábiles para presentar as correspondentes solicitudes.

 

A subvención para transporte escolar está dirixida a alumnado de Bacharelato ou de Formación Profesional (Grao Medio) e terá unha contía de 200 euros, é dicir, 50 euros máis que ata o de agora. Pola súa banda, as axudas para a compra de material escolar están dirixidas a alumnado de Primaria e Secundaria e ascenderán a 70 euros por alumno/a e curso. O Concello de Frades destinará un total de 5.000 euros a estas axudas.

 

En ambos os casos, para poder optar a estas axudas é preciso que a persoa estea empadroada no Concello de Frades, que estea cursando os estudos para os que solicita a axuda, que a súa familia estea ao día no pago das obrigas tributarias co Concello e non teña pendente de xustificación ningunha subvención anterior. O concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro, explica que “aínda que o segundo grao de Educación Infantil, o grao medio da FP ou o Bacharelato non son ensinanzas obrigatorias, o Concello de Frades convoca estas axudas para estas etapas para axudar a que as familias con menos recursos económicos teñan acceso á formación en igualdade de condicións”.

 

Documentación

 

Para presentar as solicitudes, as familias deberán dirixirse ao Rexistro Xeral do Concello de Frades e achegar a seguinte documentación: copia do DNI de todas as persoas integrantes da unidade familiar, copia do libro de familia, resgardo da matrícula do centro no que está a realizar o curso escolar deste ano e xustificante dos ingresos da unidade familiar en 2018 (declaración da renda, nóminas, pensións, certificado de ser demandante de emprego etc). Así mesmo, poderanse presentar certificados acreditativos da situación de familia monoparental ou do grao de discapacidade dalgún membro da unidade familiar, se fose o caso.

 

O prazo de presentación de solicitudes remata o martes 10 de marzo e as subvencións unicamente serán concedidas ás familias cos ingresos per cápita máis baixos. Para máis información, as persoas solicitantes poden dirixirse aos Servizos Sociais Municipais ou chamar ao teléfono 981 695 567. 


Anterior Siguiente
Novas de..
Mancomunidade de Ordes
Cerceda
Frades
Mesía
Ordes
Oroso
Tordoia
Trazo