Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
Servizos MancomunadosNovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e Gastronomía Sede Electrónica
O Concello de Frades e a ONG Mestura organizan catro cursos gratuítos para veciñas do municipio ao abeiro do Programa Neneiras
19/06/2020 (Frades)

Haberá servizo de conciliación

19 de xuño de 2020.- O Concello de Frades e a ONG Mestura colaborarán, por terceiro ano consecutivo, na organización conxunta de catro cursos gratuítos ao abeiro do programa “Neneiras”, unha iniciativa da Secretaría Xeral de Igualdade para promover a igualdade e a integración social das mulleres do rural. Os cursos terán lugar no edificio multiúsos de Frades durante o vindeiro mes de xullo, ás 16:30 horas, e a asistencia é de balde, se ben é preciso anotarse previamente no Concello de Frades (981 695 567) ou na ONG Mestura (981 661 840).

 

O obradoiro de organización e o curso de uso de smartphone e tableta terán lugar un día da semana ao longo do mes de xullo e a primeira semana de agosto, ata completar un total de seis sesións. Así, o obradoiro de organización terá lugar todos os mércores, mentres que o curso de uso de smartphone e tableta (tradicionalmente un dos máis demandados) terá lugar nas tardes dos xoves.

 

Os outros dous cursos constan de catro sesións cada un. Os luns 6, 13 e 20 de xullo terá lugar un obradoiro de técnicas de relaxación, mentres que os martes 7, 14, 21 e 28 de xullo haberá sesións de bailoterapia. Nos catro cursos, o Concello de Frades e a ONG Mestura ofrecerán un servizo gratuíto de conciliación para facilitar a participación das alumnas.

 

Estes catro cursos son froito dun convenio de colaboración entre o Concello de Frades e a ONG Mestura, que conta co financiamento da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e da Unión Europea a través do Fondo Social Europeo. Estes cursos presenciais que agora se retoman foron interrompidos durante o estado de alarma polo Covid-19, tempo durante o cal o Programa Neneiras se impartiu a distancia, ofrecendo apoio psicolóxico, asesoramento xurídico, apoio na realización de trámites por Internet, orientación laboral e información sobre recursos de traballo ás mulleres que o precisaran. Así mesmo, organizaron un curso de coidado da muller coidadora e outro de manipulación de alimentos.  


Anterior Siguiente
Novas de..
Mancomunidade de Ordes
Cerceda
Frades
Mesía
Ordes
Oroso
Tordoia
Trazo