Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
Servizos MancomunadosNovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e Gastronomía Sede Electrónica
O Concello de Frades instala xogos infantís e un circuíto biosaudable para a terceira idade no local social de Añá
08/10/2020 (Frades)

8 de outubro de 2020.- O Concello de Frades vén de instalar xogos infantís e un circuíto biosaudable para a terceira idade no local social de Añá, construído o ano pasado grazas a un investimento de preto de 82.000 euros cofinanciados polo Plan Leader e a entidade municipal. Uns espazos de lecer que foron habilitados polo alumnado do obradoiro de emprego “Brañas do Illó-Río Samo III”, promovido polos concellos de Frades, Mesía e Ordes para formar a 20 persoas nas modalidades de repoboacións forestais, tratamentos silvícolas e actividades auxiliares de conservación e mellora do monte.
 
O alumnado acondicionou o espazo para a colocación dun areeiro con tres xogos infantís: unha plataforma, un tobogán e unha randeeira, cun asento especialmente deseñado para a súa utilización por nenos e nenas de curta idade. Así mesmo, instalaron catro aparatos biosaudables para que as persoas maiores da parroquia poidan facer exercicio ao aire libre e aumentar o seu benestar e calidade de vida. Entre os aparatos colocados figuran un temón (para a coordinación dos brazos, pois facilita a rehabilitación e flexibilidade dos ombreiros), uns patíns (para fortalecer as funcións cardíaca e pulmonar a través da mellora da coordinación e estabilidade das pernas), unha prensa horizontal (que permite a mellora da axilidade e estabilidade das articulacións das pernas) e un poni (para fortalecer brazos, pernas, abdome e peito, así como mellorar a coordinación entre os membros superiores e inferiores). A maiores, o alumnado mellorou o peche perimetral da leira do local social de Añá e rozaron a parcela.
 
Ademais desta actuación no local social de Añá, o alumnado do obradoiro de emprego “Brañas do Illó-Río Samo III” colaborou nos traballos de mellora e posta en valor das áreas recreativas do municipio (Ponte Carballa en Abellá, A Presa en Ledoira, O Muíño de Céltigos e Os Pasos de Aiazo), así como as contornas dos distintos locais sociais das parroquias e lugares como a piscina municipal (Papucín), as prazas de Moar, os campos de fútbol de Vitre e Ponte Carreira, o punto limpo Frades-Mesía (Céltigos) e a contorna de San Nicolau (Frades), entre outras actuacións.


Anterior Siguiente
Novas de..
Mancomunidade de Ordes
Cerceda
Frades
Mesía
Ordes
Oroso
Tordoia
Trazo