Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
Servizos MancomunadosNovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e Gastronomía Sede Electrónica
O grupo de Goberno de Frades aproba en solitario o POS+ 2021, que destina máis de 185.000 euros a gasto corrente, 96.000 euros a obras e 112.000 euros a gasto social
03/02/2021 (Frades)

O alcalde de Frades lamenta especialmente a postura do PSOE, que non foi quen de votar a favor de aprobar a participación do Concello no POS+ Adicional 2021 para financiar gastos sociais extraordinarios

3 de febreiro de 2021.- O Pleno Municipal do Concello de Frades aprobou esta tarde o Plan Único de Concellos “POS+ 2021”, do que destinará 96.714,85 euros a obras, 185.629.42 euros a gasto corrente e 44.197,48 euros a amortizar débeda. Unha proposta que saíu adiante cos votos a favor do PP e coas abstencións de PSOE e BNG. Así mesmo, o Pleno aprobou cos votos a favor de PP e BNG, e malia a abstención do PSOE, participar no POS+ Adicional 2021, que destinará 112.502,68 euros a financiar gastos sociais extraordinarios.

 

O alcalde de Frades, Roberto Rey, explicou que “nos últimos anos xa estamos afeitos a aprobar en solitario os investimentos do Plan Único pero este ano sorprendeunos que o PSOE non fora quen de votar a favor do Plan Adicional dirixido a financiar gastos sociais extraordinarios ocasionados por mor da pandemia da Covid-19. Agradecemos o voto a favor do BNG pero non entendemos a postura socialista”.

 

Actuacións

 

O Concello de Frades destinará os 185.629,42 euros da Achega 2021 ao financiamento de gasto corrente e, por primeira vez nos últimos catro anos, acollerase ao Préstamo Provincial de 2021 para reducir débeda en 44.197,48 euros. Así mesmo, destinará 72.502,68 euros do POS+Adicional a ampliar o servizo de axuda a domicilio e os servizos de perruquería e podoloxía a domicilio; mentres que os 40.000 euros restantes irán a medidas para a atención das persoas especialmente vulnerables. “Estamos pensando sobre todo en actuacións para a eliminación de barreiras arquitectónicas no interior dos fogares e de adaptación funcional das vivendas para persoas vulnerables”, apunta o alcalde de Frades.

 

En canto ás obras, o Concello de Frades destinará 96.714,85 euros ao financiamento de dous proxectos. O primeiro proxecto é a mellora da vía nos accesos a Tarrío (Papucín) e outros, orzamentado en 61.080,29 euros e que inclúe o arranxo de oito pistas do municipio. Así, ademais da mencionada mellora da vía nos accesos a Tarrío (Papucín), inclúense as melloras das vías nos accesos á Devesa (Aiazo), ao Vilar (Céltigos) e á igrexa de Galegos. Tamén se inclúen as melloras das vías de acceso ás pistas da Panica ao Carballal (Mesos) e da Camposa ao Covelo (Ledoira), así como a cadansúas pistas en Ansemonde e O Ar, ambas na parroquia de Abellá. O segundo proxecto incluído no POS+2021 é a mellora das vías da pista AC-524 a Ponte Carballa (Abellá) por 35.634,56 euros.

 

Para dar continuidade a este segundo proxecto, o Pleno aprobou tamén un Plan Complementario orzamentado en 203.216,52 euros para a mellora do camiño da AC-524 (Abellá) e O Vilar de Arriba (Frades), que inclúe tamén o arranxo do camiño de San Mauro a Cachada (Frades). Trátase dun proxecto xa presentado o ano pasado pero que non se puido executar por falta de fondos.

 

Roberto Rey sinala que “dende o Concello de Frades apostamos por anchear as nosas principais estradas e pistas para aumentar a seguridade de condutores e peóns, polo que queremos ensanchar unha das estradas principais nun metro, cincuenta centímetros cada lado, ao longo de 5,3 quilómetros”. Ademais, explica que “se colocará unha recollida de pluviais e unhas cunetas de formigón que actuarán a modo de beirarrúas, mellorando a seguridade dos peóns”.

 

No debate plenario, o PSOE puxo de manifesto a súa desconformidade coa elección das pistas a arranxar, mentres que o BNG solicitou destinar parte dos fondos á ampliación da ETAP. Roberto Rey respondeulle aos socialistas que “se están valorando máis actuacións en todo o municipio para incluír no Plan de Camiños da Xunta e para acometer con fondos propios do Concello”; mentres que ao concelleiro do BNG o informou de que “o Concello de Frades xa está en contacto coa Xunta de Galicia e Augas de Galicia para conseguir os fondos para a ampliación da planta potabilizadora de Ponte Carreira”.

 

 


Anterior Siguiente
Novas de..
Mancomunidade de Ordes
Cerceda
Frades
Mesía
Ordes
Oroso
Tordoia
Trazo