Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
Servizos MancomunadosNovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e Gastronomía Sede Electrónica
O Pleno de Frades aproba o POS+ 2020, que destina máis de 245.000 euros a obras e 176.000 euros a gasto corrente
17/12/2019 (Frades)

Frades non se acollerá ao PAI xa que, ao non ter débeda que amortizar, suporía romper a regra de gasto

17 de decembro de 2019.- O Pleno Municipal do Concello de Frades aprobou esta tarde o Plan Único de Concellos “POS+ 2020”, que destinará 246.007,96 euros a obras e 176.817,46 euros a gasto corrente. Unha proposta que saíu adiante cos 7 votos a favor do PP e coas 3 abstencións de PSOE e BNG. O alcalde de Frades, Roberto Rey, explicou que por terceiro ano consecutivo o Concello de Frades non se acollerá ao PAI, dotado con 161.467 euros, xa que “somos un Concello sen débeda e se nos acollesemos incumpririamos a regra de gasto e teriamos que facer un Plan Económico Financeiro”.

 

Así, os 246.007,96 euros da achega de 2019 e do Plan Complementario destinaranse a dous proxectos de obras. O máis pequeno, orzamentariamente falando, é o de mellora dos accesos a San Martiño e á igrexa de Ledoira, “onde os veciños e veciñas levan tempo queixándose de que non hai onde aparcar e nós imos facer zonas de aparcamento cara arriba da igrexa”, explicou Rey Martínez. Para conseguir ese aparcamento, o Concello de Frades actuará sobre unha pista de 160 metros de acceso á igrexa de Ledoira, que se ampliará 5 metros ao ancho (2,5 metros a cada lado) e onde se aplicará un tratamento asfáltico superficial, tras a canalización previa con tubaxe PVC e execución de 6 arquetas de sumidoiro para a recollida de augas pluviais. No caso dos accesos a San Martiño, trátase dunha pequena pista de 230 metros que será pavimentada con triplo tratamento asfáltico. Ambos os proxectos suman un total de 42.791,44 euros, que serán financiados con cargo á achega 2019 do Plan Único.

 

O segundo proxecto, presupostado en 203.216,52 euros, terá como protagonista unha das principais vías de comunicación do municipio: o camiño entre a AC-524 en Abellá e O Vilar de Arriba (Frades) e dende San Mauro a Cachada. Roberto Rey explicou que “dende o Concello de Frades apostamos por anchear as nosas principais estradas e pistas para aumentar a seguridade de condutores e peóns, polo que imos ensanchar unha das estradas principais nun metro, cincuenta centímetros cada lado, ao longo de 5,3 quilómetros”. Ademais, explicou que “se colocará unha recollida de pluviais e unha gabia de formigón que actuarán a modo de beirarrúas, mellorando a seguridade dos peóns”.

 

Así, a actuación entre Abellá e O Vilar de Arriba acometerase en dous tramos, de 190 e 5.090 metros, onde se repararán as fochancas e se ancheará o firme da estrada, que pasará dos 5,5 metros actuais aos 6,5 metros. A capa de rodaxe mellorarase con 15 centímetros de grixo, 12 de grava e triplo tratamento asfálticos. Ademais, executarase unha cuneta de seguridade de 951 metros revestida de formigón e instalaranse 391 metros de tubaxe e executaranse 7 arquetas con sumidoiro para a recollida das augas pluviais. No caso do camiño de San Mauro a Cachada, contémplase a reparación de fochancas, o perfilado de mordentes e a mellora da capa de rodaxe cun selado con area.

 

Por outra banda, os 176.817,47 euros da achega 2020 serán destinados a gasto corrente, sobre todo a cubrir as achegas municipais a outros proxectos e subvencións, turismo, cultura e deportes. “De non concretarse eses investimentos con outras administracións, destinariamos eses cartos a obras de mellora en camiños e pistas municipais”, sinalou o alcalde.

 

Roberto Rey explicou que o Plan Único destina este ano un total de 381.083,05 euros ao Concello de Frades, mentres que a achega inicial do ano pasado superaba os 465.000 euros. “O ano pasado incrementáronse finalmente as achegas en 320.000 euros, esperemos que este ano pase algo semellante porque partimos con case 84.000 euros menos”, indicou Rey Martínez.

 

Resto da sesión

 

No resto desta sesión extraordinaria, o Pleno aprobou por unanimidade dúas modificacións das ordenanzas do IBI e do ICIO, que non supoñen cambio ningún da carga impositiva. “Cando nos fixemos Concello Doing Business, cambiamos a ordenanza de acordo ao indicado pola Xunta para poder aplicarlles bonificacións no IBI e no ICIO a aquelas empresas de nova implantación en Frades de acordo co seu nivel de creación de emprego”, explicou o alcalde de Frades. Porén, dende a Deputación indicouse que as porcentaxes de desconto, que no texto orixinal falan de “ata o 95%”, “ata o 75%” ou “ata o 50%”, deben ser exactas, polo que a normativa queda igual pero substituíndo o “ata o” por un “do”.

 

Finalmente, o Pleno aprobou, cos 7 votos a favor do PP e as 3 abstencións do BNG e do PSOE, adxudicar definitivamente á empresa Tecnored SA a execución de dous proxectos de aforro e eficiencia enerxética no municipio. Dous proxectos adxudicados por un procedemento de licitación con libre concorrencia pero que, debido ao elevado do investimento (206.380,08 euros) debe ser aprobado definitivamente polo Pleno Municipal.

 

Os dous proxectos licitados permitirán cambiar un terzo do alumeado público municipal, composto por 994 luminarias repartidas en 65 cadros. Concretamente, substituiranse 280 puntos de luz de lámpadas de vapor de sodio alta presión e vapor de mercurio das parroquias de Abellá, Frades, Gafoi, Mesos, Moar, Papucín e Vitre por luminarias LED de última xeración e elevada eficiencia enerxética. Dous proxectos que permitirán un aforro aproximado do 85% na factura da enerxía eléctrica.


Anterior Siguiente
Novas de..
Mancomunidade de Ordes
Cerceda
Frades
Mesía
Ordes
Oroso
Tordoia
Trazo