Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
Servizos MancomunadosNovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e Gastronomía Sede Electrónica
O Pleno ratifica a adhesión do Concello de Frades ao convenio entre a Xunta e a Fegamp para tramitar as sancións pola Covid-19
09/01/2021 (Frades)

Aprobada a Conta Xeral de 2019

9 de xaneiro de 2021.- O Pleno municipal de Frades aprobou na súa sesión ordinaria de onte venres a Conta Xeral de 2019, informada favorablemente en comisión o pasado 24 de novembro e exposta ao público sen que se presentaran alegacións. Un punto aprobado cos votos a favor do Partido Popular e as abstencións de PSOE e BNG, polo que a Conta Xeral de 2019 será remitida para a súa fiscalización ao Tribunal de Contas.

 

Así mesmo, o Pleno ratificou a adhesión do Concello de Frades ao convenio entre a Xunta e a Fegamp para a tramitación dos procedementos sancionadores relacionados co incumprimento das medidas de prevención para a loita contra a Covid-19. O concelleiro de Economía, Manuel Ferreiro, explicou que “cada vez que as forzas de seguridade tramitan unha demanda deste tipo, envíana ao Concello correspondente para que inicie o procedemento sancionador. E os Concellos pequenos non temos capacidade nin recursos para tramitar estes procedementos”.

 

Por iso, o Concello de Frades xa se adherira a este convenio o pasado 10 de decembro, polo que o Pleno ratificou onte ese acordo cos votos a favor do PP e as abstencións de PSOE e BNG. Así, o Concello de Frades comprométese a iniciar e resolver o procedemento sancionador, debendo remitir á Xunta de Galicia toda a información precisa para que esta poida executar a encarga da xestión. Deste xeito, o Concello asumirá a decisión que tome a Xunta sobre se procede ou non a sanción proposta polas forzas de seguridade.

 

PEL-Reactiva

 

Ao non presentarse ningunha moción, o concelleiro de Economía explicou que 22 microempresas e persoas autónomas de Frades solicitaron a súa adhesión ás axudas ao PEL-Reactiva, das que 19 foron concedidas. “Estamos aínda en fase de alegacións pero semella que dos 36.196,68 euros que había dispoñibles vanse finalmente investir uns 33.000 euros. Uns cartos que temos que adiantar os Concellos e despois a Deputación achegará o 80%”, explicou Ferreiro Marzoa.

 

Finalmente, o concelleiro deu conta tamén do inicio do obradoiro dual de emprego Brañas do Illó-Río Samo III, promovido polos Concellos de Ordes, Frades e Mesía e que formará durante 9 meses a 20 persoas (10 de Ordes, 5 de Frades e 5 de Mesía) nas especialidades de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e repoboacións forestais e tratamentos silvícolas. Un obradoiro que conta cunha subvención de 346.946 euros da Consellería de Emprego e Igualdade e 15.000 euros para incentivos de contratación en empresas da contorna. “Despois da selección realizada en decembro, o alumnado está nestes momentos coas primeiras clases teóricas e de informática”, apuntou Ferreiro Marzoa.

 


Siguiente
Novas de..
Mancomunidade de Ordes
Cerceda
Frades
Mesía
Ordes
Oroso
Tordoia
Trazo