Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
Servizos MancomunadosNovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e Gastronomía Sede Electrónica
A Mancomunidade de Ordes subscribe a declaración institucional da Xunta de Galicia con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller
08/03/2020 (Mancomunidade)

A MANCOMUNIDADE DE MUNICIPIOS DA COMARCA DE ORDES E OS SETE CONCELLOS QUE A INTEGRAN (CERCEDA, FRADES, MESÍA, ORDES, OROSO, TORDOIA E TRAZO) SUBSCRIBEN A DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA XUNTA DE GALICIA CON MOTIVO DA CONMEMORACIÓN DO 8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Xa transcorreron 43 anos dende que a Asemblea Xeral  das Nacións Unidas declarou o 8 de marzo como Día Internacional da Muller, con tres obxectivos prioritarios: promover a igualdade de xénero, empoderar ás mulleres e eliminar as discriminacións contra elas para lograr a súa participación plena na sociedade nas mesmas condicións que os homes.

Neste ano 2020, a Xunta de Galicia declara de xeito firme o seu compromiso coa igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e o seu recoñecemento a aquelas mulleres que co seu traballo e esforzo loitaron e loitan por acadar dereitos e liberdades sobre os que se constrúe o camiño cara á igualdade.

Tal e como recoñece a declaración da Xunta de Galicia, malia ao alcance dos progresos acadados nos últimos anos, e que a igualdade ten un recoñecemento explícito no ordenamento xurídico español, aínda non se alcanzou dun xeito pleno, xa que existen ámbitos, aspectos ou elementos do principio de igualdade entre mulleres e homes que cómpre desenvolver. A sociedade debe ter consciencia de que ademais de ser un dereito humano fundamental, a igualdade de xénero constitúe tamén a base para conseguir un mundo pacífico, próspero e sustentable.

A Xunta faise eco do Obxectivo 5 da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable referido ao deber da comunidade internacional de cara ao logro da igualdade de xénero e o empoderamento de todas as mulleres e nenas. E entre as metas que recolle este obxectivo figura desenvolver políticas que favorezan o acceso e/ou uso das tecnoloxías da información e as comunicacións para promover o empoderamento feminino. En consonancia con este recoñecemento, a Xunta de Galicia, no ámbito das súas competencias, manifesta a súa vontade institucional de manter entre as áreas prioritarias da súa acción, o fomento da igualdade de xénero no ámbito educativo e o incremento da presenza feminina nos ámbitos científicos e tecnolóxicos de Galicia. Para acadar maior presenza de mulleres nas diferentes áreas de investigación é preciso que previamente se favoreza  a participación das mulleres nos estudos en disciplinas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) así como o fomento de proxectos tecnolóxicos e científicos liderados ou con participación de mulleres.

A Mancomunidade de Ordes e os sete concellos que a compoñen manifestan, en consonancia coa declaración da Xunta de Galicia, que a igualdade de xénero vai máis alá de datas concretas, actuacións concretas, gobernos  concretos. A igualdade de xénero é un principio transversal, e un compromiso inescusable e ineludible que incumbe a toda a sociedade, xa que a súa plena efectividade suporá mellorar as condicións de vida e as opcións de futuro de todas e todos.

 


Anterior Siguiente
Novas de..
Mancomunidade de Ordes
Cerceda
Frades
Mesía
Ordes
Oroso
Tordoia
Trazo