Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
Servizos MancomunadosNovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e Gastronomía
Estrea do documental Murmurios de silencio
09/10/2019 (Mancomunidade)

Coincidindo co Día da Muller Rural, o próximo martes oito centros escolares da comarca e o Pazo do Bidueiro proxectarán por primeira vez este documental. Nel dez mulleres da comarca vítimas da violencia de xénero comparten as súas vivencias

9 de outubro de 2019. Coincidindo co Día da Muller Rural, o vindeiro martes 15 de outubro estrearase o documental Murmurios de silencio. Un traballo que recolle o testemuño de dez mulleres pertencentes á comarca de Ordes vítimas da violencia de xénero. Na súa propia voz explican de que xeito viron truncadas as súas vidas por mor desta gran problemática social e de como son capaces de facer para levar a cabo un novo comezo.

Unha presentación que terá dous escenarios ben diferenciados. Ao longo da mañá oito centros de secundaria da comarca proxectarán simultaneamente este traballo entre o seu alumnado. Xa pola tarde, concretamente ás 19.30 horas, o Pazo do Bidueiro (Ordes) será o escenario para o acto de presentación oficial, ao cal están convidadas todas as persoas que desexen acudir. Ademais de representantes dos sete concellos da comarca, está confirmada a presenza da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, así como a da presidenta da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, Susana García.

O proxecto conta co financiamento da Secretaría Xeral de Igualdade e está promovido pola Asociación de Desenvolvemento da Comarca de Ordes (ASDECOMOR), en estreita colaboración co Centro de Información á Muller da Mancomunidade de Ordes. Tamén hai que destacar a participación da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), do Fondo Social Europeo, da Asociación de GDR de Galicia, e a do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade.

Somos testemuñas”

Grazas a este documental todos e todas podemos ser testemuñas da dramática situación vivida por estas mulleres e o seu contorno máis próximo. Podemos penetrar na súa experiencia e na súa dor. Coñecer os medios cos que contaron para rachar con esta situación, como a denunciaron e como afrontan o futuro”, explica Susana García. “Para cada unha destas vidas o longo inverno que levaban vivindo dende hai tanto tempo está chegando ao seu fin. Grazas á súa valentía as feridas están sandando e grazas á súa xenerosidade podemos compartir estas historias. Murmurios de silencio amosa os medios cos que contaron estas mulleres para romper coa situación. Como a denunciaron, moitas veces marcadas polo descoñecemento dos recursos de proximidade e coa desconfianza na xustiza. Explica o xeito no que viviron os cambios e como afrontan o futuro, tanto cos aspectos positivos como negativos” conclúe a recentemente nomeada presidenta da Mancomunidade de Ordes.

O ámbito rural supón en moitas ocasións un espazo de proximidade, de coñecemento mutuo, de comunidade, pero tamén pode supoñer maior nivel de control e dominio das vítimas e, polo tanto, máis illamento e silencio”, tal e como se indica dende o CIM da Mancomunidade de Ordes, que tamén menciona o desenvolvemento económico, as novas tecnoloxías e as melloras do transporte como canles que achegan ao medio rural moitos dos recursos dispoñibles na contorna urbana. “Pero a pesar disto as aldeas seguen soportando carencias importantes e de oportunidades para as mulleres que padecen violencia de xénero. Son espazos repletos de historias de mulleres fortes e valentes, pero á par de mulleres sufridoras e silenciadas”.


 


Anterior Siguiente
Novas de..
Mancomunidade de Ordes
Cerceda
Frades
Mesía
Ordes
Oroso
Tordoia
Trazo