Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
Servizos MancomunadosNovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e Gastronomía Sede Electrónica
A praza a carón da igrexa parroquial de Parada atópase rematada logo do investimento de 48.000 euros de fondos propios por parte do Concello de Ordes
18/12/2019 (Ordes)

Acabada a rehabilitación do espazo anexo á igrexa de Parada, un terreo adquirido polo Concello de Ordes no ano 2017 por preto de 20.000 euros, e que foi reconvertido logo da súa pavimentación nunha praza.
 
As obras de axeitamento  do espazo público a carón da igrexa de Parada chegaron á súa fin, de xeito que a veciñanza e visitantes atoparán unha praza no que ata hai ben pouco tempo era un terreo con maleza e herba, e unha construción tipo pendello destinada a albergar a maquinaria agrícola pertencente á comunidade de usuarios e usuarias do lugar. O remate das actuacións foi visitado polo concelleiro de obras, José Antonio Cabeza, acompañado do concelleiro de medio rural, José Manuel Rodríguez.
 
Descrición das obras e solución adoptada.
A actuación consistiu na pavimentación con quince centímetros de formigón desactivado en 850 m2 de superficie e 80 m2 a carón do acceso principal ao adro da igrexa con lousado de granito moreno desencadrado de xunta aberta. Co fin de dar cumprimento ás medidas correctoras impostas por Patrimonio, intercaláronse tamén xuntas abertas axardinadas no pavimento de formigón e no perímetro bordo de formigón a nivel en contacto co pavimento existente. Completouse a actuación coa creación dunhas escaleiras de pedra granítica na esquina sueste para salvar o desnivel existente nese acceso ao igrexario. Mantivéronse as árbores existentes creando acercamentos para elas e plantáronse carballos e unha sebe de loureiro na parte traseira dos panteóns. Finalmente colocáronse 3 bancos no lugar. 
 
Actuacións anteriores.
No ano 2017 o Concello de Ordes adquirira a parcela por preto de 20.000 euros, e procedeu a continuación ao seu desmonte para acondicionala provisionalmente como aparcadoiro con xabre. A veciñanza logo dunha xuntanza acordou poñer en venda a maquinaria agrícola común que se atopaba no pendello executado no espazo público, e unha vez retirada esta, procedeuse tamén á demolición da referida construción de bloque e formigón armado. Nos orzamentos do ano 2019, dotouse o crédito necesario para poder executar esta praza que agora se dá por rematada coa obtención dun espazo aberto a modo de praza de dotación pública a carón da igrexa de Santa Mariña de Parada, unha praza para a que en vindeiras datas se propoñerá adoptar un acordo plenario co fin de dotala dun nome propio e singular vinculado ao lugar.


Anterior Siguiente
Novas de..
Mancomunidade de Ordes
Cerceda
Frades
Mesía
Ordes
Oroso
Tordoia
Trazo