
16/12/2020 (Ordes)
Os traballos, cun investimento de preto de 48.000 euros, contan cun prazo de execución de dous meses. Actúase no tramo do Camiño Inglés que vai desde As Travesas, en Carral, ata un desvío cara ao lugar de Hospital, en Mesía, onde existe un albergue. As obras enmárcanse no programa da Xunta para mellorar a seguridade dos peregrinos en treitos dos Camiños de Santiago coincidentes con vías autonómicas
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar hoxe as obras de construción dunha senda peonil na estrada autonómica AC-542, entre Carral e Ordes.
Os traballos foron adxudicados á empresa Excavaciones y Obras Candal S.L por un importe de case 48.000 euros e contan cun prazo de execución de dous meses.
Dotarase dun itinerario peonil o tramo do Camiño Inglés que discorre pola estrada AC-542, desde As Travesas, en Carral, ata o seu desvío por un camiño local que conduce ao lugar de Hospital, en Mesía, onde existe un albergue.
A intervención ten como obxectivo aumentar a seguridade dos peóns, xa que na actualidade este traxecto percórrese pola beiravía, nunha zona cun tráfico elevado debido á actividade industrial da zona.
Estas obras enmárcanse no programa da Xunta para mellorar a seguridade viaria dos peregrinos ao seu paso por treitos dos Camiños de Santiago coincidentes coas estradas de titularidade autonómica.