Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
Servizos MancomunadosNovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e Gastronomía Sede Electrónica
Aprobado o plan normativo para 2021 e visto e prace do Pleno á modificación do regulamento de réxime interno da escola infantil municipal “Sorrisos” do Concello de Ordes
27/11/2020 (Ordes)

No día de onte tivo lugar o pleno ordinario no Concello de Ordes por medios telemáticos, o derradeiro do ano 2020, no que se aprobou o plan normativo anual para 2021 e a aprobación inicial e modificación do regulamento de réxime interior da escola infantil municipal “Sorrisos”. Aprobada por unanimidade a moción formulada polo BNG para a actualización dos contidos sobre Ordes da páxina web turismo.gal. En informes de alcaldía deuse coñecemento das novidades trasladadas polo Sergas para o centro de saúde, onde se da cumprimento a un compromiso do conselleiro saínte Jesús Vázquez Almuíña, en reunión mantida co alcalde e a concelleira de Política social hai un ano

O pleno ordinario do mes de novembro tivo lugar de xeito telemático por atoparse o concello cun nivel elevado de casos activos en COVID-19, sendo emitido en directo por radio Ordes e con conexión en liña á app municipal. Comezou o alcalde dando as grazas a todos os compañeiros de corporación e á veciñanza, pola preocupación amosada na súa etapa de illamento domiciliario e ingreso no CHUS entre o 31 de outubro e o 20 de novembro, que obtivo a alta médica. Como é preceptivo a continuación, o punto primeiro, de aprobación da acta da sesión anterior do 29 de outubro de 2020, foi ratificado polos 16 asistentes dada a ausencia do concelleiro do BNG, Gonzalo Veiras Carneiro.
 
Informes de alcaldía 
 
O alcalde tomou a palabra para dar conta da comunicación por parte da Consellería de Sanidade, no día de onte, en virtude da cal o centro de saúde inicia a actividade de tarde para o mes de xaneiro de 2021, en concreto o día 11, incorporando 2 facultativos médicos, 1 persoa de servizos xerais e administracións e 1 fisioterapeuta. A carteira do centro pasa a ter máis de 30 traballadores/as e un horario continuo de 8h a 21h, á parte do punto de atención continuada na planta baixa, que manterá toda a súa operatividade.
 
Este ano 2020 tamén foi incorporada unha traballadora social e executáronse melloras en pediatría, así como a adquisición de nova tecnoloxía sanitaria, como desfibrilador, espirómetro, electrocardiógrafo ou dermatoscopio, entre outros.
 
De cara ao ano 2021 queda pendente, logo da derradeira reunión mantida coa xerente de área, Eloina Núñez, analizar ou incrementar unha matrona e un día de pediatra a tempo completo; así como a execución de obras de mellora na instalación, que foi onte visitada polos técnicos da Consellería de cara á súa solución técnica e valoración económica.
 
Noutra orde, pero non menos importante, o alcalde fixo un balance das actuacións en obras do ano 2020, que acadaron os 2,5 millóns de euros; así como deu a coñecer o remate da licitación da subministración de enerxía eléctrica aos diferentes puntos de consumo do concello, licitado en 2 lotes, e que vai supoñer un aforro anual para 2021 e 2022 de 61.899,84 euros, logo de acadar unha baixa total do 20,73% sobre o prezo actual do ano 2020.
 
Plan normativo 2021 e modificación do regulamento de réxime interior da escola infantil municipal “Sorrisos”
 
Na orde do día incluíuse a aprobación por parte do Pleno de dous asuntos tratados nas comisións informativas do pasado día 20 de novembro. Por un lado, o plan normativo anual para 2021, e polo outro a aprobación inicial e modificación do regulamento de réxime interno da escola infantil municipal “Sorrisos”. Ambos os puntos con acordo unánime.
 
Mocións
 
A única moción foi presentada polo BNG e acadou a unanimidade para solicitar a actualización dos contidos sobre Ordes da páxina web de turismo.gal
 
Rogos e preguntas
 
Todos os grupos políticos formularon rogos e preguntas, co fin de fiscalizar e controlar a xestión municipal.
 
O PSOE formulou un rogo para iniciar unha campaña de concienciación e de información cidadá sobre os colectores de lixo e a recollida de voluminosos porta a porta.
 
Por parte de UxO, tres foron os rogos, para o arranxo de beirarrúas no barrio do Recreo, o cal é competencia da Deputación, mudar as zonas de ORA de tícket por disco durante a emerxencia sanitaria, a cal non se contempla por parte do goberno, e o arranxo da iluminación do paseo fluvial, actuación xa executada con anterioridade á celebración do pleno.
 
O BNG solicitou a retirada dos postes existentes no trazado da senda peonil do Casal, unha obra en trámite que xa contempla esta actuación.
 
O PSOE, no apartado de preguntas, interesouse polo acondicionamento da casa da Cruz Vermella no Conde como vivenda social, cuestión que será posta á disposición da veciñanza unha vez se execute a 2ª fase das obras, previsiblemente en 2021.
 
O BNG formulou tres preguntas, unha sobre o arranxo no tramo do camiño que conduce ao rego do Cabo en Buscás, que está contemplada nun proxecto do POS, e a que o alcalde non deu resposta, pois o voceiro manifestou a dita pregunta en afirmacións que o alcalde cualificou como incorrectas, pois alguén mente en canto á formulación desta, posto que a dirección de obra é quen decide cando e como se vai facer. Outra pregunta, sobre a modificación da RPT do Concello, que se está tramitando nestes momentos por parte dos técnicos e se continúa coas negociacións pendente de convocar a mesa para o peche dos acordos. E unha derradeira pregunta, sobre a preocupación do BNG de non dar cumprimento ás bases reguladoras do PEL-Reactiva, contestada pola concelleira de Traballo, con achega de probas, de que o voceiro do BNG estaba equivocado e confundindo sen necesidade, pois se están a cumprir as bases ou calquera defecto existente é perfectamente emendable.
 
No remate do pleno, o voceiro do BNG foi expulsado, logo de ser chamado 2 veces á orde por tomar a palabra sen ter uso dela, incumprindo o art. 42.1.c) do Regulamento orgánico de funcionamento vixente.


Anterior Siguiente
Novas de..
Mancomunidade de Ordes
Cerceda
Frades
Mesía
Ordes
Oroso
Tordoia
Trazo