Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
Servizos MancomunadosNovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e Gastronomía Sede Electrónica
Luz verde ás alegacións do PXOM e aprobación da conta xeral do exercicio 2019 no pleno de setembro
25/09/2020 (Ordes)

No pleno ordinario do mes de setembro tomouse consideración na orde do día das alegacións formuladas no trámite de información pública do documento aprobado inicialmente do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Un total de 644 alegacións que acadaron o apoio unánime da corporación ordense. A conta xeral do exercicio 2019 foi aprobada polo grupo de goberno e o PSdG-PSOE, coa abstención de UxO, e o único voto en contra do BNG

O pleno ordinario do mes de setembro celebrouse de xeito presencial no salón de actos da casa da cultura sita na rúa de Galicia, coa presenza de público nos chanzos e emitido en directo por radio Ordes e con conexión en liña á app municipal. Comezou como é preceptivo co punto primeiro de aprobación unánime da acta da sesión anterior do día 30 de xullo.
 
Toma de posesión da nova concelleira do BNG.
Logo da aprobación da acta, a nova concelleira do BNG, María Jesús Regueiro García, que substitúe a Paula Castenda, tomou posesión da súa condición de concelleira da corporación empregando a fórmula de “prometo por imperativo legal”. Tanto o alcalde, como os demais participantes na sesión, felicitárona e desexáronlle sorte no desempeño do cargo e na defensa dos intereses da veciñanza.
 
Informes de alcaldía: informe do interventor. 
O alcalde tomou a palabra para dar conta do informe de control financeiro mediante o exercicio de control permanente dos gastos e ingresos correspondentes ao ano 2019, emitido polo interventor municipal. Dando traslado das deficiencias que requiren da adopción de medidas correctoras a través dun plan de acción, así como da obriga de remitir o informe á Intervención Xeral da Administración do Estado, con ocasión da aprobación da conta xeral.
Entre as medidas do plan de acción están: planificar a actividade contractual, efectuar propostas de gasto previas á realización de obras, control da execución do capítulo 1 orzamentario, evitar os programas de contratación de persoal, ou efectuar un plan estratéxico de subvencións e limitar os pagos anticipados.
 
Aprobación conta xeral exercicio 2020.
Cos votos a favor do grupo de goberno e do PSdG-PSOE, a abstención de UxO, e a única negativa do BNG, foi aprobada a conta xeral do exercicio económico 2019.
Na quenda de exposición o alcalde detallou a modo de resumo o informe do interventor e os documentos que integran o citado documento. Respecto do balance dedúcese un alto grao de liquidez e solvencia, que se cifrou en 5.134.940,90 euros o día da sesión, e cun fondo de manobra positivo por importe de 2.352.710,31 euros. No resultado económico patrimonial o beneficio foi de 3.028.152,50 euros. A liquidación dos orzamentos acadou un 89,53% das previsións no apartado de dereitos, e respecto aos estados de gastos un 90,80% das operacións correntes e un 92,98% nos pagos líquidos das obrigas recoñecidas. Aforro neto positivo por 2,53 millóns de euros, resultado orzamentario positivo por máis de 1 millón de euros, e remanente de tesourería para gastos xerais de 2,45 millóns de euros.
En canto aos ingresos de capital estes proceden das achegas do POS+, xunto con convenios, axudas e subvencións da Xunta de Galicia. E no apartado de préstamos unicamente a liña do POS+2020 pola contía total permitida de 331.273,63 euros, que se dedicará toda ela a amortizar débeda bancaria. 
A liquidación cumpre co obxectivo de estabilidade orzamentaria, límite de débeda e período medio de pagamento (6,24 días en decembro de 2019). Como xa se tratou no pleno de xullo, incumpriuse a regra de gasto, polo que foi necesario formular un plan económico financeiro para os anos 2020 e 2021.
O PSOE e UxO xustificaron os seus votos en que se trata dun documento contable, e a pesar de non compartir a xestión dos fondos públicos por parte do goberno, facilitaron co voto a favor e a abstención respectivamente a súa aprobación plenaria.
O BNG, como vén sendo habitual, votou en contra deste documento contable, criticando as excesivas modificacións de crédito, a consideración dunha suba de impostos á veciñanza, os contratos de servizos vencidos aínda non regularizados e os 86 reparos formulados por intervención á aprobación de facturas asociadas a estes.
Na quenda de réplica o goberno defendeu que non comparte esa visión catastrofista do BNG, recordando que os orzamentos foron aprobados en novembro de 2018 por 9,36 millóns de euros, e ao longo do exercicio ata o remate de 2019 acadáronse incorporacións de créditos por máis de 5 millóns de euros, ata a cifra final de peche do exercicio en 14,79 millóns de euros, cunha alta execución, do 90%, conforme así o recolle o informe do interventor. Cuestión esta que debe considerarse como un logro importante por parte do goberno local, ao poder incorporar crédito para múltiples obras e actuacións en beneficio da veciñanza, e o labor de todo o goberno conxuntamente co persoal técnico municipal implicado en acadar unha alta execución dos fondos dispoñibles.
 
Alegacións do PXOM.
Unanimidade para aprobar os informes das 644 alegacións na exposición pública da aprobación inicial do PXOM (DOG núm. 60 do 30 de marzo de 2016). Informes favorables para 390 delas, parcialmente favorables en 40, e rexeitadas desfavorablemente 214. As 56 alegacións en forma de prazo, agás dúas de erros materiais, serán desestimadas por extemporáneas.
Á vez o alcalde deu coñecemento neste punto da orde do día que xa se recibiu o informe favorable ao documento provisional do PXOM condicionado a uns pequenos cambios por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e agardan en breve resolver os detalles pendentes nos informes de estradas e de Medio Ambiente, co fin de poder aprobar o plan provisionalmente en pleno coa maior brevidade.
En canto ás alegacións agradeceu o apoio, achega e colaboración por parte dos concelleiros actuais e da anterior corporación nas reunións mantidas co equipo redactor, onde se resolveron todas e cada unha das alegacións.
PSOE e UxO demandaron axilidade en que se aprobe o PXOM, e consideran vital acadalo canto antes por formar parte do seu programa electoral.
O BNG criticou a lentitude nos trámites poñendo exemplos doutros concellos, que completaron a aprobación definitiva con maior celeridade.
O alcalde replicoulle a este dato que non puxera como exemplos algún dos concellos que goberna o BNG, ou incluso dos que aprobaron o PXOM inicialmente xusto antes da aprobación da nova Lei do Solo en 2016, como o caso de Ordes.
 
Mocións.
A única moción que foi admitida a urxencia foi unha do BNG, que tratou sobre o servizo de atención primaria e PAC de Ordes, acadando o apoio unánime da corporación aos acordos de instar á Consellería de sanidade a levar a cabo xestións precisas para garantir dous equipos completos de médico/a e enfermeiro/a en urxencias, dous pediatras e enfermeiros/as a tempo completo para o servizo de pediatría, maior dotación de matronas, implantación de radioloxía, e melloras que posibiliten reducir os tempos de atención en determinados casos de citas médicas, ou que non se atendan chamadas telefónicas que requiren múltiples intentos.
 
Rogos e preguntas.
Todos os grupos políticos formularon rogos e preguntas, co fin de fiscalizar e controlar a xestión municipal.
PSOE, con motivo do Día internacional contra a explotación sexual e trata de mulleres, nenas e nenos para a súa consideración, e reclamando preferencia para os peóns nas interseccións das vías por onde transcorren sendas peonís. 
UxO, en canto á calidade do servizo de auga (moción reconvertida), a sinalización viaria do pobo e das parroquias, o estado da marquesiña de Beán, a limpeza de maleza en leiras municipais e a revisión dos colectores de lixo en mal estado.
Por parte do BNG solicitouse a limpeza de marquesiñas.
No apartado de preguntas, tratouse o mantemento da rede de sumidoiros por parte do PSOE, a incidencia na publicación en RRSS do pleno do mes de xullo dende UxO, e as reunións do consello escolar municipal dende a bancada do BNG.
Todas elas recibiron a resposta e toma en consideración dende o goberno local nas diferentes áreas de goberno.
 


Anterior Siguiente
Novas de..
Mancomunidade de Ordes
Cerceda
Frades
Mesía
Ordes
Oroso
Tordoia
Trazo