Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
Servizos MancomunadosNovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e Gastronomía Sede Electrónica
Nova directiva de Acordes que nace co gallo de unir o maior número de empresas da comarca de Ordes
19/06/2020 (Ordes)

Esta mañá, na sala de xuntas do Concello, mantívose un encontro entre membros da nova directiva da Asociación de Comerciantes e Empresarios da comarca de Ordes co alcalde e a concelleira de Comercio, para dar a coñecer a nova xerencia.
 
Unha das principais novidades é a inminente contratación dunha xerente encargada de facilitar a xestión do CCA -centro comercial aberto- e informar de primeira man a todas as persoas asociadas.
        
No mediodía de hoxe varios representantes da Asociación de Comerciantes e Empresarios da comarca de Ordes, encabezados polo seu novo presidente David Viaño Noya, mantiveron un encontro co alcalde de ordes e a concelleira de comercio, no que trasladaron o nomeamento da nova directiva resultante da asemblea extraordinaria celebrada o pasado luns, a cal nace co gallo de unir o maior número posible de empresas da comarca de Ordes, sexa cal sexa o seu sector de actividade.
 
Principais ideas da nova directiva.
Todo o empresariado de Ordes, dende autónomos e pequeno comercio ata empresas cun número alto de persoal, pasando por establecementos de hostalería, alimentación… están chamados a unirse para incentivar e facer ver todas as vantaxes que ten o trato próximo e personalizado.
 
Unha das grandes apostas pasa por facer ver que hoxe en día a venda en liña é un valor engadido, que pode achegar tanto á clientela afianzada como dar unha maior visibilidade a cada negocio, por iso renovarse e aprender novas técnicas de negocio ás que non estamos acostumados no día a día implicarán para os asociados unha formación a maiores que require esforzo por moitas partes.
 
A principal finalidade pasa por acadar sinerxías e ir todas e todos unidos e facer forza achegando vantaxes a todas as empresas asociadas. Vantaxes do tipo de formación concreta que cada empresa asociada necesite, creación de campañas que traian xente e vida ao pobo, beneficiarse de consultoras, e organizar os cursos máis precisos sobre aspectos que preocupan a cada empresario ou empresaria.
 
Como mellor funcionaría a Asociación é o CCA -centro comercial aberto-  coa maior unión de socios e socias posible, por iso ponse á disposición de calquera empresario ou empresaria da comarca un correo electrónico (eumercoenordes@gmail.com) para que contacte con nós co fin de poder facilitarlle toda a información que necesite e á vez explicarlle todos os beneficios que supón asociarse e traballar en conxunto.
 
“Logo do golpe global na maioría dos sectores derivado da recente pandemia do COVID-19, cómpre empezar de cero e formar unha unión consolidada que achegue beneficios a todos os asociados, por iso dende o primeiro momento poñemos á disposición de cada socio ou socia unha xerente formada en todos os temas relacionados con asociacións de comerciantes e empresas para poder dar respostas certas en todo momento. Para nós esta é a primeira medida que indica o gran cambio que queremos conseguir”, indica David Viaño, novo presidente de Acordes.
 
A nova directiva, que inclúe renovación e mantén parte das integrantes da anterior dirección, nace con moitas ganas de traballar para conseguir crear algo que poida beneficiar a todos os socios e socias, sexa cal sexa o seu sector de actividade, coa ilusión de salvar cada un dos obstáculos que nos vaiamos encontrando, pensando sempre en satisfacer a clientela dos nosos establecementos ofrecéndolles xusto o que demandan e o que necesitan ao lado da casa.
 
Formación previa.
Tanto o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, como a concelleira de Comercio, Jéssica López Varela, animaron e mostraron man tendida para seguir colaborando no tempo nas iniciativas de ACORDES, así como amosaron a súa predisposición a ser intermediarios en todo o necesario ante a administración autonómica, especialmente a Dirección xeral de comercio, para obter os maiores réditos posibles de todas e cada unha das propostas que pensan poñer en marcha nas vindeiras semanas e meses.
 
O alcalde de Ordes anuncioulles que os orzamentos que se van debater en pleno nos vindeiros días inclúen unha partida económica de cara á colaboración no financiamento para a contratación da xerente no presente ano, e para desenvolver outras medidas das decididas en varios encontros que tiveron lugar nas pasadas semanas con representantes da asociación, especialmente co emprego e posta á disposición de novas tecnoloxías, tanto para negocios e empresas, como para a habitual e potencial nova clientela.
 
“Desexarlle o maior dos acertos posibles á nova directiva, que a xerente faga un labor beneficioso, e que a colaboración económica municipal axude a poñer en marcha e materializar as ideas coas que arranca esta nova directiva”, remarca a concelleira Jéssica López Varela, ao mesmo tempo que se pon á completa disposición da directiva e dos asociados para manter unha comunicación fluída, especialmente para desenvolver actividades conxuntas de dinamización e promoción.


Anterior Siguiente
Novas de..
Mancomunidade de Ordes
Cerceda
Frades
Mesía
Ordes
Oroso
Tordoia
Trazo