Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
Servizos MancomunadosNovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e Gastronomía Sede Electrónica
O Pleno municipal de Ordes solicita por terceira vez a Medalla de Galicia para a súa Filla Predilecta Isabel Zendal Gómez
28/02/2020 (Ordes)

No pleno ordinario de febreiro ratificouse o acordo da Xunta de Goberno local do día 14/02/2020 para a solicitude dun obradoiro de emprego conxunto cos concellos de Mesía e Frades, denominado “Brañas do Illó-Río Samo III”.
 
A proposta da alcaldía acordouse unha vez máis, e xa van tres no pleno ordense, solicitar á Presidencia da Xunta de Galicia que no ano 2020 lle sexa concedida a Medalla de Galicia a título póstumo á Filla Predilecta ordense Isabel Zendal Gómez, polos seus méritos no éxito da Real Expedición Filantrópica da vacina de Francisco Xavier Balmis (1803-1814).
 
O pleno ordinario do mes de xaneiro que tivo lugar na tarde de onte, ao que unicamente asistiron catorce concelleiros, á parte da aprobación da acta da sesión anterior, o punto preceptivo de informes de alcaldía, contaba ademais con dous asuntos a proposta do Goberno na orde do día, dar conta das resolucións e decretos de alcaldía, unha moción por vía de urxencia do BNG, e diversos rogos e preguntas formulados polos grupos de UxO e BNG.
 
Informes de alcaldía: estado da débeda financeira.    
No punto segundo o alcalde tomou a palabra na quenda de informes de alcaldía, para dar conta de que a día presente a débeda bancaria do Concello de Ordes ascende á contía de 1.117.644,49 euros, correspondente a dous préstamos formalizados nos anos 2004 e 2008.
 
Ratificación polo Pleno do obradoiro de emprego Brañas do Illó-Río Samo III.
Foi ratificado polo Pleno e por unanimidade das persoas presentes o acordo da Xunta de Goberno local do día 14/02/2020 para a solicitude dun obradoiro de emprego conxunto cos concellos de Mesía e Frades, denominado “Brañas do Illó-Río Samo III”. As actuacións do concello de Ordes: área de esparexemento no parque empresarial de Merelle, leira P-85 do parque empresarial de Merelle (Ordes); Brañas do Pomariño, Chousa Muíño Antigo e Trillón (Buscás); Queiroal, Brañas de Ardemil e Área de Adina (Ardemil); Campo da festa de Parada; leira do Curro, o Brañón, Fonte das Meigas, Arriba da Carbeira, Costa do Pereiro, contorno da Capela de San Pedro de Adrán e da escola das Marchás (Vilamaior); Chousa de Soleiros, leiras do campo de fútbol e Prado de Ramos (Barbeiros); a Revolta de Mosqueira, Balada do Croio, O Prado de Abaixo e Monte do Pozo (Leira); Chousa A Maquía e Chousa da Capela (Montaos); Chousa da Lata, Brañón, Diante do Patelo (Pereira e Beán); así como a actuación de acondicionamento para a creación da senda do río da Fraga augas abaixo dirección ás Casillas dende a N-550 (Paseo Iván Raña).
 
Solicitude Medalla de Galicia para Isabel Zendal.
A proposta da alcaldía acordouse unha vez máis, e xa van tres no pleno ordense, solicitar á Presidencia da Xunta de Galicia que no ano 2020 lle sexa concedida a Medalla de Galicia a título póstumo á Filla Predilecta ordense Isabel Zendal Gómez, polos seus méritos no éxito da Real Expedición Filantrópica da vacina de Francisco Xavier Balmis (1803-1814).
 
Mocións.
A única moción deste pleno, e tratada por vía de urxencia, foi presentada polo grupo do BNG, que quedou na votación cos seus únicos votos a favor na formulación de recuperar o ciclo da auga na alameda de Ordes, retirando o pavimento existente nas dúas ringleiras de árbores segundo o citado na exposición de motivos, onde se fixo referencia á presenza de árbores danadas nas que se realizaron podas incorrectas hai anos e a probable falta de transpiración das raíces entre outros motivos. O Goberno local comprometeu estudar este asunto por parte de persoal técnico pero optou polo voto en contra da moción, con xustificación na posible incidencia desta actuación nos baixos da alameda (biblioteca, mancomunidade, etc), mentres o grupo do PSOE e o de UxO optaron pola abstención.
 
Rogos e preguntas.
UxO trouxo tres rogos a este pleno que foron respondidos e tomados en consideración polo alcalde, solicitando un espazo para que os cans poidan estar ceibos, obras de mellora no firme na zona da Reboira (Ardemil), e unha mellor seguridade no aparcamento no contorno da cidade deportiva de Vista Alegre, pero sen habilitar o espazo interior de acceso ás pistas de atletismo.
 
Pola súa parte, o BNG,solicitou melloras na sinalización do edificio da Pontraga e no depósito, medidas xa executadas; accións para corrixir deficiencias na ruta de sendeirismo do río Mercurín, as cales en boa parte xa foran tamén realizadas con anterioridade á sesión; e a reparación da avaría na rede de saneamento de República Arxentina, da cal se explicou que era derivada dun problema particular, pero que xa iniciaran os trámites para emendar a deficiencia.
 
Por incorrecta formulación dun dos rogos, o alcalde solicitoulle ao voceiro do BNG Pablo Vidal que de acordo co artigo 44 do Regulamento de Organización e Funcionamento do Concello de Ordes, debía transformalo mesmo en pregunta para proceder ao informe. O dito asunto trataba polo xa debatido en ocasións anteriores do que sucede en días puntuais do outono e inverno, a presenza de condensación nos pavillóns deportivos, onde se contestou unha vez máis que as medidas que aconsella o persoal técnico, e xa desenvolvidas con resultado positivo no pavillón Campomaior, consistirán na instalación de máquinas que faciliten a circulación do aire e evitar vapor de auga dentro das instalacións que provoque películas sobre os pavimentos vinílicos. Logo das explicacións o voceiro do BNG deixou tres novas preguntas abertas que serán contestadas debidamente polo alcalde por escrito ou na seguinte sesión ordinaria. As derradeiras preguntas foron en relación á xestión dos refugallos da obra de Alfonso Senra, as cales se están clasificando co fin de xestionalas coa maior brevidade; e a anulación polo TACGal da licitación para o servizo de asistencia xurídica, representación e defensa letrada, debido a que se cuestiona a redacción e configuración formulada polo persoal técnico habilitado local e que vai obrigar a iniciar un novo procedemento de licitación coas emendas dos criterios establecidos polo TACGal.
 


Anterior Siguiente
Novas de..
Mancomunidade de Ordes
Cerceda
Frades
Mesía
Ordes
Oroso
Tordoia
Trazo