Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
Servizos MancomunadosNovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e Gastronomía Sede Electrónica
O secretario xeral para o Deporte supervisa a nova gaiola de lanzamento de disco e martelo
25/11/2019 (Ordes)

Situada no complexo de Vista Alegre, a nova infraestrutura, que contou cun orzamento total de case 33.000 euros, permitirá disputar campionatos federados

Ordes, 25 de novembro de 2019.  Esta tarde o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado do alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, visitou as pistas de atletismo situadas no complexo deportivo de Vista Alegre para comprobar de primeira man a instalación da nova gaiola de lanzamento de disco e martelo. Na visita tamén estiveron presentes a concelleira de Deportes, Ana Soneira; o xefe do Servizo Provincial de Deportes, Roberto García Fernández; así como o primeiro adestrador do Club Atlética A Silva-Ordes, José Domínguez.

     Unha obra da que os atletas de Ordes xa están a facer uso dende principios deste mes, tras un investimento total que ascendeu a case 33.000 euros sufragados en gran medida pola Secretaría Xeral do Deporte, conxuntamente co Concello. O proxecto incluíu demolicións previas, acondicionamento do terreo e a instalación de cimentacións de varias capas, así como a formación de zapatas de formigón armado. A nova gaiola supuxo tamén a ampliación da zona de caída, ademais de incrementar a seguridade. Conta con sete postes verticais de aluminio reforzado, dúas portas rectangulares con perfil de aluminio e dobre rede confeccionada con fío de polipropileno, así como outros elementos de seguridade. Na soleira da zona de lanzamento instalouse un pavimento continuo sintético.

    Todo isto fai que Ordes poida albergar probas e campionatos federados desta modalidade tanto de ámbito autonómico como nacional, grazas ao certificado internacional co que conta.

     Co fin de garantir as condicións e o nivel de profesionalidade deste proxecto o Concello de Ordes contou, entre outros, co asesoramento do xuíz internacional de atletismo Jorge Blanco e do adestrador nacional Pepe Domínguez (Club Atlética A Silva-Ordes).

Máis melloras

O Concello de Ordes tamén ten prevista a ampliación e mellora do foso de salto de lonxitude e a construción dunha nova recta para lanzamento de xavelina, sempre cumprindo coas especificacións da Federación Internacional de Atletismo.

     Para esta nova recta de lanzamento contémplase unha intervención de envergadura cun orzamento de 42.715,42 euros. Levantarase parte da pista de atletismo para o enlace da dita recta, realizar escavacións para a pavimentación e creación de fosos destinados aos bordos perimetrais de formigón, así como a instalación dunha soleira de 15 cm de espesor de formigón armado, entre outros. Aplicarase unha capa sintética de 15 mm na pista con resina de poliuretano e caucho granulado e instalarase un bordo de formigón para, posteriormente, proceder co pintado tanto da recta de lanzamento como da propia pista de atletismo.


Anterior Siguiente
Novas de..
Mancomunidade de Ordes
Cerceda
Frades
Mesía
Ordes
Oroso
Tordoia
Trazo