Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
Servizos MancomunadosNovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e Gastronomía Sede Electrónica
Ordes implícase co 25N e contra a violencia de xénero
21/11/2019 (Ordes)

O vindeiro luns ás 12 horas lerase un manifesto contra a violencia de xénero e ás 20 horas proxectarase o documental Murmurios de Silencio. Ademais de estarse desenvolvendo programas no ámbito escolar de cara ao resto da poboación, este venres as Tardes de Contos e Lendas terán dobre sesión sobre a igualdade

Ordes, 21 de novembro de 2019.  O Concello de Ordes está a levar a cabo un amplo programa co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller que terá lugar o vindeiro luns, 25 de novembro. Unha iniciativa dirixida a todos os sectores sociais da poboación, e organizada en estreita colaboración co CIM da Mancomunidade.

     O acto máis inmediato terá lugar este mesmo venres, 22 de novembro, na biblioteca municipal, cunha dobre sesión das súas tardes de contos e lendas na que a igualdade será o eixe central. Neste caso ofrecerase o relato As rapazas tamén somos de ciencias, tanto para público de 7 a 8 como de 9 a 10 anos. No primeiro caso a sesión dará comezo ás 16.30 e a segunda ás 18.30 horas. Para poder asistir é necesario inscribirse previamente de 8 a 15 na mesma biblioteca ou ben chamando ao 981681992.

     Por outra banda, dende o pasado día 11 e ata o vindeiro 28 de novembro tanto os colexios como os institutos de Ordes están a desenvolver entre o seu alumnado sesións formativas e de concienciación sobre o uso seguro, saudable e responsable das tecnoloxías, facendo especial fincapé na prevención da violencia de xénero e na promoción da igualdade. O programa, coñecido como Pantallas Amigas, aplica unha metodoloxía que combina charlas, talleres, exposicións, encontros.... Todo isto co obxectivo de fomentar o pensamento crítico e o razoamento reflexivo e responsable, sensibilizar sobre o ciberacoso e traballar en prol da súa protección, achegar ferramentas de detección de situacións de risco e outras para dar respostas resolutivas e satisfactorias, fomentar o uso adecuado das Tecnoloxías da Información e da Comunicación etc.

Machismos sen Miopías

Dende esta semana estanse a levar a cabo as sesións de Machismos sen Miopías, programa socioeducativo para previr as violencias machistas, especialmente as denominadas de baixa intensidade, identificándoas no noso día a día. A influencia da pornografía na adquisición de condutas e roles a partir de idades temperás é un tema fundamental sobre o que xira esta proposta. Como resultado final confeccionarase a Mostra das Violencias Invisibles, composta de obxectos que funcionen como símbolos desas violencias invisibles abordadas durante os obradoiros. Esta iniciativa terá continuidade o próximo mércores 27 de novembro.

     Para o propio 25 de novembro o Concello de Ordes convida a todos os veciños e veciñas a participar na lectura do manifesto contra a violencia de xénero. Un acto previsto para as 12 horas diante da fachada do antigo consistorio, no que tamén colaborará a Asociación de Comerciantes de Ordes.

     Ese mesmo día, pero ás 20 horas no auditorio da Casa da Cultura, proxectarase o documental Murmurios de Silencio. Un traballo que recolle o testemuño de varias mulleres vítimas da violencia de xénero, así como de membros do seu contorno. Todos estes relatos reais pertencen a veciñas da comarca. Este traballo está promovido pola Asociación de Desenvolvemento da Comarca de Ordes (ASDECOMOR), en estreita colaboración co Centro de Información á Muller da Mancomunidade de Ordes. Tamén hai que destacar a participación da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), do Fondo Social Europeo, da Asociación de GDR de Galicia, e a do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade.  


Anterior Siguiente
Novas de..
Mancomunidade de Ordes
Cerceda
Frades
Mesía
Ordes
Oroso
Tordoia
Trazo