Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
Servizos MancomunadosNovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e Gastronomía Sede Electrónica
Ordes plántalle cara á violencia de xénero no 25N
25/11/2019 (Ordes)

Esta mañá procedeuse coa lectura dun manifesto realizado conxuntamente polo Concello, Mancomunidade e Acordes, ademais da gardar un minuto de silencio

Ordes, 25 de novembro de 2019.  Decenas de persoas congregáronse esta mañá diante do Concello de Ordes para participar na concentración convocada co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Unha iniciativa levada a cabo conxuntamente polo Concello de Ordes, a Asociación de Comerciantes de Ordes (ACORDES), e o CIM da Mancomunidade de Ordes.

 

     O acto arrancou coa lectura dun manifesto en apoio a todas as vítimas e en prol da “transformación de contextos discriminatorios noutros máis igualitarios”. Susana García, presidenta da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes; Yéssica López, concelleira de Economía do Concello de Ordes; Natalia Vilariño, presidenta de ACORDES; así como diverso persoal da Mancomunidade foron as persoas encargadas desta lectura ante un público que portaba carteis e elementos repartidos previamente en contra da violencia de xénero. Posteriormente gardouse un minuto de silencio por todas as vítimas, e moi especialmente por Sara, a muller de 26 anos de idade asasinada hoxe mesmo en Tenerife pola súa parella.

    Cómpre lembrar que esta mesma tarde ás 20 horas no auditorio da Casa da Cultura de Ordes proxectarase gratuitamente o documental Murmurios de Silencio. Un traballo que recolle o testemuño real de varias mulleres da comarca de Ordes vítimas da violencia de xénero, así como o de membros do seu contorno.

Distintas actividades

Non foi a de hoxe a única actividade organizada no municipio para loitar contra a violencia de xénero. Xa o pasado venres a biblioteca municipal acolleu unha sesión dobre das súas Tardes de Contos e Lendas na que a temática foi a igualdade. As rapazas tamén somos de ciencias foi o título da dinámica levada a cabo para nenos e nenas de 7 a 10 anos.

     Ademais, continúan a desenvolverse Pantallas Amigas, as sesións formativas e de concienciación que se están a levar a cabo no ámbito académico sobre o uso seguro, saudable e responsable das tecnoloxías, facendo especial fincapé na prevención da violencia de xénero e na promoción da igualdade. O fomento do pensamento crítico e do razoamento reflexivo e responsable, a sensibilización sobre o ciberacoso entre outros puntos son o obxectivo principal. Sempre incidindo no uso adecuado das Tecnoloxías da Información e da Comunicación etc.

     Por outra banda, este vindeiro mércores, 27 de novembro, terá lugar a última sesión do programa Machismos sen Miopías, dirixido á poboación en xeral. Un proceso socioeducativo para previr as violencias machistas, especialmente as denominadas de baixa intensidade, identificándoas no noso día a día. A influencia da pornografía na adquisición de condutas e roles a partir de idades temperás é un tema fundamental sobre o que xira esta proposta. A biblioteca de Ordes acollerá a Mostra das Violencias Invisibles, realizada cos obxectos cos que se traballará neste obradoiro e que funcionan como símbolos desas violencias invisibles.


Anterior Siguiente
Novas de..
Mancomunidade de Ordes
Cerceda
Frades
Mesía
Ordes
Oroso
Tordoia
Trazo