Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
Servizos MancomunadosNovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e Gastronomía Sede Electrónica
PLAN DE ACCIÓN PARA O CLIMA E A ENERXÍA SUSTENTABLE DO CONCELLO DE ORDES
27/11/2020 (Ordes)

O Concello aproba un plan para facer fronte ao cambio climático e reducir emisións. O Concello de Ordes aprobou o Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable (PACES), un programa que inclúe a elaboración dun inventario de emisións e medidas para, entre outros aspectos, reducir o consumo de enerxía e ser un concello máis resiliente ao cambio climático

O Concello sumouse en xaneiro do ano 2019 á iniciativa europea do Pacto de Alcaldes para o Clima e a Enerxía. Este reúne ás autoridades locais e rexionais que de forma voluntaria se comprometen a implantar os obxectivos de clima e enerxía da Unión Europea no seu territorio. Os asinantes teñen como obxectivo a redución das emisións de CO2 en polo menos un 40 % para 2030 e a aumentar a súa resiliencia aos impactos do cambio climático.
 
No caso de Ordes este plan permitirá non emitir 25.818,491 toneladas de CO2 ao ano, o que equivale ao 40,4 % de redución ao respecto do ano de referencia, 2010.
A estratexia recentemente aprobada inclúe 28 medidas de actuación en distintos sectores diferenciando o investimento privado e o público, nos que destacan o sector de equipamentos municipais e o de transportes.
 
O Concello márcase o obxectivo de captar fondos europeos para financiar medidas como a  substitución de luces LED ou o uso da biomasa en instalacións públicas pero tamén incentivar que a veciñanza perciba axudas para as obras privadas como as da envolvente térmica dos edificios (ventás e fachadas).
 
Accións xa realizadas
 
O documento resalta que ata o momento, entre 2010 e 2020, realizáronse accións que supoñen unha redución do 4,6%, polo que Ordes ten demostrado que é posible cumprir co obxectivo marcado.
 
Unha rede europea permanente de intercambio de información
 
O Pacto dos Alcaldes é unha ferramenta que pretende reunir aos alcaldes das cidades europeas nunha rede permanente de intercambio de información para a aplicación de boas prácticas a través da mellora da eficiencia enerxética no ámbito urbano, a redución das emisións de CO2 no ámbito territorial local e aumentar a resiliencia fronte ao cambio climático.
 
Financiamento para a redacción do PACES
 
Para a redacción do documento recibiuse o apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia e do FEDER “Unha forma de facer Europa”, que financiaron o 100% do custo deste.


Anterior Siguiente
Novas de..
Mancomunidade de Ordes
Cerceda
Frades
Mesía
Ordes
Oroso
Tordoia
Trazo