Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
Servizos MancomunadosNovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e Gastronomía Sede Electrónica
Resumo do pleno extraordinario do mes de decembro de 2019
18/12/2019 (Ordes)

Ratificado o POS+2020, a aprobación provisional da nova taxa de utilización privativa do aproveitamento espacial  do dominio público local e a encomenda de xestión para a contratación da “Vía Verde” no tramo II (Ordes-Cerceda)
 
-    Este mediodía tivo lugar un pleno extraordinario para ratificar as obras do POS+2020 aprobadas en XGL o pasado 13 de decembro.
 
-    Tamén tomou posesión o novo concelleiro don Aitor Ribadas Gómez. 
 
-    Outro punto que se tratou foi a aprobación provisional de imposición da taxa pola utilización privativa, aproveitamento especial do dominio público local das instalacións de transporte e distribución de enerxía eléctrica, gas, auga e hidrocarburos.
 
-    Tamén deu luz verde o Pleno á encomenda de xestión a favor da Deputación da Coruña para a contratación da obra “Vía verde de Santiago-Cerceda (Compostela-Tambre-Lengüelle), tramo 2 entre Ordes e Cerceda.
 
O pleno extraordinario de decembro, derradeiro do ano, comezou coa aprobación da acta da sesión anterior, do día 28/11/2019. A continuación tomou posesión como concelleiro don Aitor Ribadas Gómez logo da renuncia de dona Alba Regos Mata. O seguinte punto foi a ratificación do POS+2020 (plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal – plan único de concellos), seguido da aprobación provisional da taxa pola autorización privativa de aproveitamentos especiais no dominio público local, a ampliación do plan normativo para incluír o regulamento do cemiterio municipal do Valado, e rematou o pleno coa encomenda de xestión da contratación das obras da “vía verde” a cargo da Deputación Provincial da Coruña. 
 
Toma de posesión do novo concelleiro.    
Tras a renuncia de dona Alba Regos Mata, ratificada polo Pleno ordinario no mes de outubro, e logo de que se achegara a credencial expedida pola Xunta Electoral Central de designación como concelleiro desta entidade local a D. Aitor Ribadas Gómez, na sesión extraordinaria do mediodía tomou posesión do cargo prometendo este. 
 
POS+2020.
O terceiro punto da orde do día foi a ratificación do acordo da Xunta de Goberno local do pasado 13/12/2019, de participación no plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (plan único de concellos). As contías, moi inferiores ás de anos precedentes, corresponden coa achega 2020 por importe de 362.744,63 euros que vai integramente destinada a gasto corrente; a achega 2019 por importe de 87.787,51 euros, na que se incluíu o proxecto “Camiño da Aldea de Abaixo á Maquía e outros (Pereira)”; e o préstamo provincial de 331.273,63 euros, que se debe amortizar no exercicio 2020. Tamén se aprobaron 7 proxectos complementarios con obras en diferentes vías de lugares e parroquias do Concello: Reboredo, Merelle e O Conde (Ordes); Queis, A Albariña, O Chan, A Sobreira, Guindibó e Castrelo (Montaos); a ampliación e mellora da vía dende o Peñasco pasando pola Armada e O Casal ata o límite con Mesía (Vilamaior); Loureda, Igrexa, A Portela e Meitufe (Leira); e o sobreancho e mellora de plataforma ata 5 metros da vía que une A Rúa con Carballedo (Buscás). Proxectos complementarios por un importe total de 744.755,92 euros. 
Durante o debate o alcalde recordou ao voceiro do BNG que os máis de 760.000 euros que se adebedan dende o ente provincial aínda non foron postos á disposición do Concello de Ordes a través dun plan adicional para reinvestimento de economías xeradas en baixas de licitación, anulación ou outras causas. Así mesmo, pediulle ao Sr. Vidal Ríos que deixe de confundir a veciñanza con datos ou afirmacións que faltan á verdade en canto ao contido das bases do plan único.
O resultado da votación final logo do debate foi de 13 votos a favor (PP, UXO e BNG) e 1 abstención do BNG.
 
Aprobación provisional para imposición e ordenación de ordenanza fiscal.
O punto cuarto tratou a aprobación provisional do acordo de imposición da taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local das instalacións de transporte e distribución de enerxía eléctrica, gas, auga e hidrocarburos, así como da aprobación da súa ordenanza reguladora e ámbito de aplicación. Todo iso avalado polo informe técnico económico correspondente que comezou a tramitar o Goberno local a finais do ano 2016 encomendando a dita tarefa ao enxeñeiro de telecomunicacións Luciano Otero Álvarez. Quen así mesmo logrou hai pouco máis dun ano que se recoñecera a participación do Concello de Ordes nos terreos da central térmica de Meirama, que permitiu ingresos por BICES e IAE de aproximadamente 50.000 euros/ano.
Logo dunha quenda de palabra dos voceiros dos grupos, o acordo foi adoptado por unanimidade.
 
Ampliación do plan normativo 2020.
Para os efectos de modificar o acordo do Pleno do pasado 28/11/2019, de aprobación do Plan Anual Normativo do Concello de Ordes, tróuxose a este pleno a norma de nova aprobación do Regulamento do Cemiterio Municipal do Valado, co fin de establecer as condicións de utilización do servizo de cemiterio municipal. Á parte de emendar a non publicación no BOP no ano 1994, así como recoller os cambios normativos producidos en materia de cemiterios, tamén se pretende dar cumprimento aos acordos propostos aos veciños e veciñas titulares de concesión que acometan as obras de mellora de cuberta proposta en 6 mazás do cemiterio, nas recentes xuntanzas mantidas na casa da cultura os pasados días 2 e 10 de decembro.
Este punto quedou aprobado polo Pleno por unanimidade.
 
Aprobación e encomenda de xestión do proxecto das obras da Vía Verde.
Recibido o requirimento por parte da Deputación da Coruña o pasado día 9 de decembro, procedeuse finalmente a aprobar o proxecto técnico das obras Vía Verde de Santiago-Cerceda (Compostela-Tambre-Lengüelle) tramo 2 de Ordes a Cerceda; así como ratificar a resolución de alcaldía do día 26/11/2019, de encomenda de xestión e execución da obra, facultando ao alcalde a asinar o correspondente convenio no que se formalice, e finalmente asumir o compromiso de proceder ao mantemento e á conservación deste tramo 2 de vía verde a partir da data de sinatura da acta de entrega das obras. Para acometer as obras cóntase cunha axuda de cofinanciamento FEDER por importe de 565.581,84 euros, outorgada polo Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía (IDAE).
O derradeiro punto da orde do día foi aprobado por unanimidade dos concelleiros e concelleiras presentes.


Anterior Siguiente
Novas de..
Mancomunidade de Ordes
Cerceda
Frades
Mesía
Ordes
Oroso
Tordoia
Trazo