Logotipo Mancomunidade de Ordes
Idioma: Galego                 Contacto  |   Enderezos e teléfonos de interese  |   Sala de prensa
          
Servizos MancomunadosNovasAxendaTurismo (que visitar)AloxamentosRestaurantes e Gastronomía Sede Electrónica
RESUMO DO PLENO ORDINARIO DO MES DE OUTUBRO
30/10/2020 (Ordes)

No día de onte tivo lugar un pleno ordinario no concello de Ordes, no cal en informes de alcaldía se deu conta do estado actual da débeda viva, que pasa a situarse en 712.886 euros, sendo o saldo en contas bancarias de 5.079.856,04 euros. O grupo municipal do PSdeG-PSOE converteu unha moción en rogo co fin de solicitar á Xunta de Galicia un novo modelo eólico integral para a Comunidade Autónoma

O pleno ordinario do mes de setembro tivo lugar de xeito presencial no salón de actos da casa da cultura sita na rúa de Galicia, coa presenza de público nas bancadas e emitido en directo por radio Ordes e con conexión en liña á app municipal. Comezou como é preceptivo co punto primeiro de aprobación unánime da acta da sesión anterior do día 23 de setembro.
 
Informes de alcaldía: informe do interventor. 
O alcalde tomou a palabra para dar conta dunha nova amortización dos préstamos vixentes subscritos coas entidades bancarias a partir dos fondos do POS+2020 da Deputación, de xeito que a débeda bancaria ou débeda viva pasa a situarse en 712.886 euros. En canto ao saldo nas contas bancarias a favor da entidade local á data de celebración do pleno, a contía total ascende a 5.079.856,04 euros.
 
Mocións.
A única moción que presentaba o grupo do PsdG-PSOE foi trasladada a un rogo, no que se solicita á Xunta de Galicia un novo modelo eólico integral para a Comunidade Autónoma no ámbito económico, de transparencia e participación, no ambiental, e no da planificación en coordinación co Goberno do Estado. O dito rogo será remitido á Consellería de Vicepresidencia 2ª, economía, empresa e innovación.
UxO formulou unha exposición de motivos na súa moción sobre a limpeza e desinfección de lugares de risco que poden ocasionar a propagación da COVID-19, na que se instaba á Xunta a colaborar nas ditas tarefas e reforzar os servizos. A voceira municipal Susana García explicou polo miúdo como esta petición xa estaba implantada así como a previsión de ampliar de cara a 2021 as achegas da administración autonómica a través do fondo de compensación local. A moción foi rexeitada logo de contar cos únicos votos a favor, 3 de UxO e 2 do BNG.
O BNG defendeu na primeira das mocións a dotación dun enlace entre a senda da Prolongación dos Lagartos e a senda que está a executar a Xunta da Galicia ao longo da AC-524 que está a piques de rematar, e que vai conectar o albergue de peregrinos do Outeiro co casco urbano de Ordes no Paraíso. Tanto os promotores como os demais grupos consideraron lóxica a formulación da demanda, pero esta non foi admitida posto que o alcalde deu coñecemento do informe da Axencia galega de infraestruturas, cuestión xa tratada dende o goberno e que tamén está vinculada ao informe de aprobación provisional do PXOM ante este organismo, que imposibilita a implantación dun paso de peóns no punto indicado conforme ao marco legal actual en materia de estradas por non tratarse dun treito urbano e conforme o disposto na OC 1/2008 de “sinalización horizontal e limitación de velocidade en treitos urbanos e pasos de peóns”. Na votación final o BNG contou co apoio de UxO, o voto en contra do Goberno local e a abstención do PSOE.
A derradeira moción do BNG, sobre a modificación do tipo impositivo no IBI para o ano 2021, non foi admitida a trámite na urxencia, pois a comisión informativa xa está convocada e terá lugar un pleno extraordinario a vindeira semana co fin de abordar este punto e outras ordenanzas fiscais de cara ao vindeiro exercicio.
 
Rogos e preguntas.
Todos os grupos políticos formularon rogos e preguntas, co fin de fiscalizar e controlar a xestión municipal.
PSOE, solicitando portas máis amplas nos contedores soterrados da alameda, a posta en marcha da recente obra de abastecemento de auga no lugar do Outeiro (Poulo) executada este mesmo mes, solicitude de pasos de peóns na N-550 en Leira, Guindibó e Montaos; e o formigonado dun tramo ao carón do río no campo da feira de Ordes, que xa está previsto executar coa humanización deste contorno, nunha obra da que se vai formalizar o contrato a vindeira semana. 
Por parte do BNG, solicitouse o tratamento de vertedoiros incontrolados en Lesta e Beán,  o arranxo do valado da AP-9 (cuestión está que xa estaba solicitada), así como a colocación de colectores de lixo en Alfonso Senra no contorno da alameda, e aclarar ata onde chega a fibra óptica no contorno entre O Piñeiro e Reboredo, solicitude esta última xa formulada á empresa instaladora o pasado mes de xullo.
No apartado de preguntas, tratouse por parte de UXO que se lle informe das medidas de prevención e vixilancia coa nova situación do estado de alarma, cuestión respondida pola voceira municipal con base aos informes diarios das FFCCSS.
O BNG interpelou polo contido da moción aprobada en setembro sobre o PAC e o servizo de atención primaria de Ordes, que foron remitidas os pasados 22 e 23 de outubro á Consellería e á Xerencia do Sergas.
No referente aos trámites municipais nas plantacións e talas forestais, a contestación foi aclarar que non hai competencias locais, e que todas elas son tramitadas pola Consellería no servizo forestal do distrito sito na rúa Nova.
En contestación a varias preguntas da senda de Buscás, indicouse por parte do alcalde que a obra non está rematada e aínda se está a traballar nela por parte do contratista e contacto coa empresa de servizos afectados. O tramo sen executar, ao que tamén se fixo referencia, obtivo a resposta en que se iniciarán os trámites legais oportunos para o deslinde e a ocupación deste coa maior brevidade posible co fin de completar a obra neses 27 metros onde non foi posible chegar a un acordo verbal de cesión gratuíta, conforme ao acadado cos demais propietarios afectados pola nova traza e sección na senda logo dos cambios esixidos dende a Dirección Xeral de Patrimonio.

 


Anterior Siguiente
Novas de..
Mancomunidade de Ordes
Cerceda
Frades
Mesía
Ordes
Oroso
Tordoia
Trazo